sexta-feira, 30 de abril de 2010

Roteiro polo Pico Vello - Non á Mina de Andalucita - En defensa do Río Belelle e das Fragas do Eume : Sábado 15 de Maio de 2010

Nas Terras Ártabras, do noreste galego, na parroquia de Goente do Concello d'As Pontes, hai un lugar colindante coas Fragas do Eume, ao que se lle denomina O Pico Vello. Lugar de grande biodiversidade e un incalculábel valor natural e ecolóxico, onde nace, entre outras, unha das fontes do Río Belelle e hai un bosque de especies autóctonas entre outras riquezas naturais dun valor que non ten prezo. Neste lugar é onde unha empresa mineira de capital anglo-sudafricano co nome Picobello Andalucita SL, pretende a explotación, dun xacemento de andalucita que está no subsolo da zona.

A intención da empresa Picobello Andalucita,SL, de explotar o xacimento mineiro, ven de hai xa 10 anos. A empresa foi constituida o 28 de Decembro do 2000, cun capital social de 2.550.000 €, e con enderzo social na Coruña, na Rúa San Andrés, nº 56. De feito a empresa ten levado fai tempo varias toneladas de mostras para a súa análise. E solicitado axudas baseadas en proxectos empresariais alternativos nas comarcas mineiras, destas, foron concedidos case 2,5 millóns euros do Estado e 67.672 da Xunta. A intervención dos colectivos ecoloxistas cando o goberno bipartito, fixo que a Consellería do medio Ambiente paralisara o proxecto.

Un grupo de organizacións e colectivos unimo-nos, para a defensa do lugar d'O Pico Vello, das gadoupas da empresa mineira que pretende conseguir a autorización administrativa para explotar, a ceo aberto, o xacemento de andalucita que hai no subsolo. Serían 277.016 m2 a explotar no seu conxunto, extraendo a ritmo de explotación de 375.000 t/ano, perante uns 12 anos de vida útil da mina.

Queremos conseguir a declaración, para a zona, de Espazo Natural Protexido ou que esta se inclua no Parque Natural das Fragas do Eume. Parte da zona, pretendida pola explotación mineira, xa está incluída na Proposta de Ampliación da Rede Natura.

Mais o avanzado do proxecto de explotación mineira, por parte da empresa Picobello Andalucita,SL, coa complicidade da Xunta de Galicia e do Concello d'As Pontes, dono de 212.597,85 m2 do total da superficie estimada que se vai expropiar, o que supon case o 76,75 %. Pois xa está aprobada unha "Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de explotación da concesión mineira" [DOG xoves, 11 de marzo de 2010], o primeiro que temos que facer e intentar paralizar o proxecto e o atropelo que significa a citada concesión mineira.

A defensa cidadá d'O Pico Vello, espazo natural que hai que protexer, está en marcha. Ante todo organización, denuncias, alegacións, cartas, concienciación e mobilizacións.

Dentro da táctica elaborada as entidades e colectivos organizamos un Roteiro pola zona, convocado para o Sábado 15 de Maio. Desde Ferrol poñera-se un Autobús que sairá ás 10 da mañá desde a Praza de Galiza, diante do Edificio de Correos, con paradas en Caranza, Fene, Cabanas e As Neves, a hora aproximada da volta será ás 6 da tarde. O prezo por persoa para o Autobús será de 5 €. Para apuntar-se neste Autobús hai de prazo até o 12 de Maio no local da SGHN, na Rúa Méndez Núñez, nº11 ou Teléfono 981-35-28-20.

Fonte: CA21
_______

quarta-feira, 28 de abril de 2010

Salvemos O Pico Vello

Ante o avanzado proxecto de explotación mineira, por parte da empresa Picobello Andalucita,SL, a complicidade da Xunta de Galicia, tanto desde a Delegación Provincial, con Diego Calvo ao fronte, destacado membro do Partido Popular, e Justo de Benito Basanta, Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que aprobou a cuestionada "Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de explotación da concesión mineira", e o Concello d'As Pontes, rexido na actualidade por Valentín González Formoso do PSOE, co explícito apoio do anterior alcalde do BNG Vitor Guerreiro, un grupo de persoas sensibilizadas, membras de colectivos e organizacións ecoloxistas e sociais, ante o atropelo que significa a citada concesión mineira reuniron-se para abordar a defensa cidadá d'O Pico Vello, espazo natural que hai que protexer.

Nun principio os colectivos e organizacións que estabamos empeñadas en salvar O Pico Vello, eramos as que nos mobilizaramos en 2007: ADEGA, Colectivo Ártabra 21, Colectivo Fusquenlla, Clube Montaña Ferrol, Federación Ecoloxista Galega, Guerrilleiros d'As Fragas, Lapis Verdes, SGHN  e Verdegaia, co apopio do Concello d'A Capela. Agora xa somos máis, pois somaron-se: O Rabo do Galo, AMAL, Drosera, Hábitat, Saramaganta, Néboa Medio Ambiente e Comité pola Defensa das Rías Altas. E agardamos ser aínda máis. Algún veciño da zona puxo-se en contacto con nós "interesado en organizar mobilizacións e un movimento veciñal contra a mina". Unha amiga sensibilizada criou un Grupo na rede social Facebook, baixo o título "NON á mina de andalucita nas Fragas do Eume", quedando sorprendida do suceso que tivo, con máis de 13.248 membros. Tamén abríu un lugar para depositar firmas de disconformidade, onde xa asinaron máis de 1.525 persoas.

O primeiro encontro para unificar as actuacións na defensa d'O Pico Vello foi o pasado 24 de Marzo. A reunión tivo lugar nos locais do Museo da Sociedade Galega de Historia Natural en Ferrol, logo houbo outras reunións onde xa se foron perfilando as diferentes actuacións e ideias, para accionar contra o proxecto mineiro.

Van-se solicitar entrevistas cos concellos limítrofes. Segundo informou no seu día Fernando Rodríguez Lamela da SGHN, xa tivo que ser a entrevista con responsábeis do Concello de Monfero e o vindeiro 4 de Maio será co de Fene. O obxectivo sería o de informar-lles da situación, da nosa visión do espazo natural e das desastrosas consecuencias dunha explotación mineira no lugar, "pedir un pronunciamento do Concello sobre a explotación, así como suxerir a posibilidade de facer un documento conxunto" cos mesmos.

Presentaron-se denuncias á Fiscalía de Medio Ambiente e de non ter unha resposta en pouco tempo solicitaremos unha entrevista coa mesma. "Tamén acordamos solicitar entrevista coa Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e coa Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas".

Acordou-se redactar unha carta á Rede Natura que posibelmente se avaliará na vindeira reunión.

Informou-se aos medios de comunicación, así como houbo varios medios que se interesaron por conseguir unha información máis detallada como Radiofusión, a Cadena SER, o xornal La Opinión de A Coruña, El País, ...  Tamén chamou La Sexta que emiteu unha información favorecedora a quen nos opoñemos ao proxecto mineiro, calificando-o de "Atentado Ecolóxico". Non faltaron medios comarcais máis modestos, aínda que non menos importantes, como Rádio Filispim ou unha reportaxe nunha publicación da comarca do Eume, "Pegadas".

Acordou-se facer un Roteiro pola zona o Sábado 15 de Maio. Desde Ferrol poñera-se un Autobús que sairá ás 9:30 horas desde a Praza de Galiza, diante do Edificio de Correos, poñendo-se un prezo orientativo de 5 €. Para apuntar-se neste Autobús hai de prazo até o 12 de Maio no local da SGHN, na Rúa Méndez Núñez, nº11 ou Teléfono 981-35-28-20.



Acordou-se poñer faixas pola zona denunciando o proxecto mineiro, algunhas xa están colocadas en Ombre, A Capela e Goente: "NON A MINA QUE CONTAMINA", "AUGA PARA A VIDA E NON PARA A MINA", "NON Á MINA - D.E.P. EUME - D.E.P. BELELLE", "POLA DEFENSA DAS FRAGAS E DOS RIOS, NON Á MINA EN PICO VELLO"


Ten-se pensado facer actos con persoas especializadas en fauna, flora e cuestións medio ambientais, posibelmente o 7 de Maio, xa se poda facer a primeira n'A Capela. Ten-se pensado facer outras sobre os aspectos socioeconómicos: ocupación das vías de comunicación polos vehículos das minas, etc.

A nosa acción necesita un apoio económico que nun principio baseara-se nos contributos dos colectivos e organizacións que conformamos a vontade conxunta de Salvar O Pico Vello.

Acordou-se manter unhas reunións semanais, nun principio, todos os mércores, ás 7 da Tarde, nos locais do Museo da SGHN, a seguinte reunión será o Mércores 28 de Abril.


Colectivos e organizacións que conformamos a vontade conxunta de Salvar O Pico Vello:

ADEGA
adega@adega.info
http://www.adega.info/

AMAL
aguaslimpas@gmail.com
http://aguaslimpas.blogspot.com/

Clube Montaña Ferrol
clubmf@terra.es
http://www.clubmontanaferrol.com/

Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
http://artabra21.blogspot.com/

Colectivo Fusquenlla
fusquenlla@sospontedeume.com
http://sospontedeume.com/

Comité pola Defensa das Rías Altas

Drosera
drosera.lugo@gmail.com
http://blogdrosera.blogspot.com/

Federación Ecoloxista Galega
feg@federacionecoloxista.org
http://www.federacionecoloxista.org/

Guerrilleiros d'As Fragas
xeneta@hotmail.com

Hábitat
gnhabitat@yahoo.es
http://www.gnhabitat.org/

Lapis Verdes
lapisverdes@hotmail.com
Blogue Lapis Verdes

Néboa Medio Ambiente
medioambiente@neboa.org
http://neboamedioambiente.org

O Rabo do Galo
rabodogalo@yahoo.es

Saramaganta
http://saramaganta.blogspot.com/

SGHN:
sghnferrol@sghn.org
Web da Sociedade Galega de Historia Natural

Verdegaia
ferrol@verdegaia.org
http://www.verdegaia.org


Sitios d'O Pico Vello:

Enlaces d'O Pico Vello


Outros enlaces


Fonte: CA21
_____________________

domingo, 18 de abril de 2010

SOS Belelle



Despois das diversas alegacións presentadas ó proxecto de explotación de Andalucita no Pico Vello durante o ano 2007, parecía parado. Pero agora, tres anos despois, vense de dar publicidade no DOG á declaración de impacto ambiental na que entre outras lindezas se recoñece que "na área concreta de localización do proxecto prodúcese o necemento de dous regatos: o rego de Cernada e rego de Gallel, ambos os dous están incluídos na bacía do río Eume, aínda que tamén poden verse afectados os regos de Sisín, rego de Igrexa e regato de Teixido".

Dase a circunstancia de que o rego de Cernada é o nacemento do río Belelle e non un tributario do Eume. O río Belelle perdería, de levarse a cabo o proxecto, unha parte importante do seu caudal, que surte a unha parte da poboación de Ferrol.

Ademáis, as escorrentías e os resíduos vertidos con toda seguridade deixarían seriamente afectado a este fermoso río que tan ben se conserva.

Fonte: Galería de bocagei

http://www.flickr.com/photos/bocagei/4462704497/

http://www.flickr.com/photos/bocagei/4463482336/

Nota.- Recomendamos entrar nos enlaces da Galería onde hai interesantes comentarios.
____________________

sábado, 17 de abril de 2010

Relación de asuntos publicados no DOG e no BOE, referentes a intención de Picobello Andalucita S.L., de explotar un xacemento mineiro n'As Pontes

Relación de asuntos publicados no DOG e no BOE, referentes a intención de Picobello Andalucit S.L., empresa mineira de capital anglo-sudafricano, de explotar o xacemento mineiro, colindante coas Fragas do Eume, no lugar de Pico Vello da parroquia de Goente, no monte Fontardion, no Concello d'As Pontes. Unha explotación mineira do xacemento de andalucita que se atopa baixo a terra dun espazo natural de grande valor natural e ecolóxico.


No DOG - Diario Oficial de Galicia-

  • A Xunta de Galicia, acorda conceder axudas para a realización de proxectos de investigación a un número importante de empresas e outras entidades. A Picobello Andalucita, S.L. conceden-lle unha axuda de 67.672 € relacionada no anexo III da Resolución do 22 de Outubro de 2003 - DOG Nº210 do Mércores, 29 de Outubro de 2003, páxina 13.379-. Imaxinamos que esta axuda está relacionada co informe feito na Universidade de Santiago de Compostela.

    SOLICITANTE: PICOBELLO ANDALUCITA, S.L.
    - CÓDIGO: PGIDIT03DPI099E
    - TÍTULO: DESENVOLVEMENTO DE SISTEMA HIPERESPECTRAL PARA DISCRIMINACIÓN DE MATERIAIS EN LIÑA DE PROCESADO
    - DURACIÓN: 2
    - ANO 2003: 18.136,00
    - ANO 2004: 20.254,00
    - ANO 2005: 29.282,00
    - ANO 2006: 0,00
    - TOTAL CONCEDIDO: 67.672,00
    - PORC. SUBV.: 55
    - TOTAL PROXECTO: 123.000,00

    Referencia: Resolución do 22 de outubro de 2003 pola que se adxudican as axudas correspondentes ó Programa de Tecnoloxías de Deseño e Producción Industrial convocadas no anexo VII, da Orde do 29 de abril de 2002 (Diario Oficial de Galicia do 15 de maio) e na Orde do 28 de febreiro de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 13 de marzo).

    ANEXO III
    Aplicación orzamentaria: 08.05.432A.770.0
    Terceiro.-Concede-las axudas para a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento para empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro, ás que se relacionan no anexo III da presente resolución. As axudas sinalada cun 1 están financiadas con fondos adicionais do Programa FEDER-MAC incluídos no Plan de Dinamización de Galicia. As axudas sinaladas cun 2 están financiadas con fondos do Programa FEDER-MAC.
___________



No BOE -Boletín Oficial do Estado-

RESOLUCIÓN de 13 de Outubro de 2003, do Instituto para a Reestruturación da Minería do Carbón e Desenvolvemento Alternativo das Comarcas Mineiras, pola que se publica a relación de empresas que obtiveron subvención para os seus proxectos empresariais, de acordo coa convocatoria realizada o ano 2001. - Ministerio de Economía - Rango: Resolución - Publicado en: BOE número 275 de 17/11/2003, páxinas 40471 a 40473 (3 páxs.) - Referencia: BOE-A-2003-20970, pola que a se lle concederon a PICOBELLO ANDALUCITE, S.L. 2.475.000,00 € [Euros], dun total de 149.119.095,49 € [Euros], concedidos a 291 empresas, figurando os promotores de Picobello no nº 205 da relación e ocupando o sexto posto pola subvención concedida.
_____________________

Máis información:

Noticiario d'O Pico Vello: O publicado nos boletíns e diarios oficiais das administracións
___________________________

quinta-feira, 15 de abril de 2010

Entidades ecoloxistas denuncian irregularidades na tramitación da solicitude de dereitos mineiros na Mina de Andalucita de Goente

As entidades Agrupaçom de Montanha Águas Limpas [AMAL], Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza [ADEGA], Clube Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra 21, DROSERA, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, G.N.Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, O Rabo do Galo, Saramaganta, Sociedade Galega de Historia Natural [SGHN] e VERDEGAIA presentan unha denuncia diante da Fiscalía por atopar irregularidades no proceso de tramitación da solicitude de concesións mineiras na mina de andalucita nas Pontes de García Rodríguez, baseándose para elo en varios puntos:

1. Que non se respectaron os prazos establecidos pola lexislación para o outorgamento de licenzas. De terse respectado, teríase asumido a denegación, por silenzo administrativo, por parte do anterior goberno da Xunta, xa que a decisión da autorización deberíase ter tomado no prazo de doce meses. Pasado este tempo, e ao non terse notificado resolución, enténdese que a solicitude foi denegada.

2. Denuncian tamén á Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, polas irregularidades que se atopan no contido do seu informe de impacto ambiental, comezando polo feito de que non se fai valoración das repercusións negativas sobre o Río Belelle. Chégase ao extremo de encadrar o Rego Cernada, que xurde e atravesa a área na que se ubica o xacemento, na cunca do Río Eume. Como sexa que o Cernada é un dos dous regos máis importantes que forman a cabeceira do Río Belelle, pódese comprender o gravísimo erro no que se incurriu con esta omisión, pois as afeccións de maior alcance recaen sobre este rego, xa que literalmente desaparecería do mapa, levándose con el unha porcentaxe considerable de volume de auga do Río Belelle que está proposto, na súa integridade, para formar parte da Rede Natura.

3. No informe de avaliación ambiental non se detallan os impactos que a explotación mineira provocaría sobre o Parque Natural Fragas do Eume, ao que están obrigados pola Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de Proxectos: “A avaliación dos proxectos que, sen ter relación directa coa xestión do lugar de que se trate da Rede Natura 2000 ou sen ser necesario para a mesma, poida afectar de forma apreciable aos citados lugares xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans ou proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar tendo en conta os obxectivos de conservación de devandito lugar ...

Por todos estes motivos, entre outros, como afectar a Hábitats Prioritarios da UE, demandan a paralización definitiva da tramitación do proxecto e que se anule, por “contido imposible”, o informe de avaliación ambiental, emitido pola Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, pedindo que se tomen medidas contra os responsables das irregularidades cometidas.

Todas estas asociacións preparan un roteiro polas fragas ameazadas para o día 15 de maio, coa finalidade de expresar o seu desacordo con esta iniciativa. No momento darase información máis detallada.

Envido por:

SGHN-FERROL
-ferrol@sghn.org-
15 de abril de 2010 17:37

_____________________

Enlaces relacionados:

Blogue O Pico Vello
http://picovello.blogspot.com/

No facebook
NON á mina de andalucita nas Fragas do Eume
______________________