quinta-feira, 15 de julho de 2010

Unha mina ao descuberto ameaza Pico Vello

O xornal estatal de actualidade crítica "Diagonal", publica no número 130 da súa edición en papel impreso, e na edición dixital na rede, un interesante artigo sobre a ameaza da explotación mineira na Fraga d'O pico Vello. A continuación transcribimos o citado artigo.

Diagonal

GALIZA // OS ECOLOXISTAS LEVAN Á FISCALÍA O ESTUDO DE IMPACTO
Guadalupe Rodríguez (Salva a Selva) / A Coruña

Xoves, 15 de xullo de 2010

O interese de investidores británicos e surafricanos en extraer andalucita, un mineral utilizado na construción, está detrás deste plan, que ameaza a contorna das Fragas do Eume.


En Pico Vello existen un bosque e prados que albergan numerosas especies de flora e fauna, con alto interese biolóxico e catalogadas como vulnerables. Pico Vello está situado na parroquia de Goente d'As Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e a concesión mineira limita co Parque Natural das Fragas do Eume. O proxecto implica a contaminación e a diminución da cantidade e calidade das augas dos ríos Maciñeira e Belelle, que abastecen a parte da poboación local. Estes ríos poderían ata chegar a desaparecer. Outro motivo para a preocupación é a desaparición do monte Fontardión, a cuxo pé atopa-se a zona que se pretende explotar, e que constitúe un corredor ecolóxico.

O obxectivo do proxecto mineiro é extraer 26 millóns de toneladas de andalucita nos próximos 50 anos. Este é un mineral resistente a altas temperaturas que se utiliza, entre outras cousas, na construción de fornos industriais para a química, siderúrxica ou metalúrgica. As críticas ao proxecto, ademais das súas posibles consecuencias sociais e ambientais, derivan do Estudo de Impacto Ambiental elaborado pola administración xa que non recolle todos os efectos adversos da mina. Máis dunha ducia de grupos ecoloxistas e veciñais, entre os que están a Federación Ecoloxista Galega, a Agrupaçom de Montanha Águas Limpas ou Salva la Selva denuncian, así mesmo, que Pico Vello quedou incomprensiblemente fóra dunha proposta de Ampliación de la Red Natura 2000.

Calquera proxecto mineiro ao descuberto ten un grande impacto sobre as áreas lindeiras e a contorna humana, a nivel ambiental, social e cultural, moitos deles moi difíciles de prever.

Capital surafricano

A principal interesada en explotar este xacemento é a multinacional Picobello Andalucita, S.L., unha empresa coruñesa constituída no ano 2000 con financiamento surafricano e británica. Os distintos grupos ecoloxistas denuncian que a empresa e non a rexión serían as beneficiarias do proxecto. Para as organizacións ecoloxistas, os postos de traballo que crearía, que segundo informacións contraditorias oscilan entre 20 e 200, non xustifican tal impacto.

Estas organizacións expresan a súa máis absoluta oposición á minería, e as súas esixencias van dirixidas a que se suspenda o proxecto, e que a zona de Pico Vello sexa declarada Espazo Natural Protexido ou que se inclúa no Parque Natural das Fragas do Eume. Xa foi presentada unha denuncia ante a Fiscalía polos grupos ecoloxistas polo proceder irregular da Administración no que se refire ao contido do Estudo de Impacto Ambiental do proxecto mineiro. Alegan que o estudo do proxecto ten escandalosas omisións, como non detallar os auténticos impactos do proxecto sobre o Parque Natural das Fragas do Eume. Quen elaboraron ese Estudo de Impacto Ambiental non se refiren ás ameazas aos ríos, a pesar de que isto é obrigatorio por lei. Ademais, as sucesivas versións do proxecto mineiro non emendaron os erros e incongruencias da primeira versión, senón que foron reducindo a extensión orixinal da explotación ata os 277.016 metros cadrados.

Pola contra, a solución que atopou a empresa foi excluír as Fragas do Eume da área do proxecto e establecer unha zona de amortiguamiento ou franxa de "seguridade" duns escasos 50 metros e, despois, argumentar que isto é "ambientalmente viable".

O proceder da Xunta podería explicarse á vista das presións dos donos da concesión mineira, quen en boca do seu representante Gwendoline Holliday declararon á prensa que "os investidores estanse cansando". Isto parece dar un impulso aos trámites, que se aceleraron a favor dos empresarios e en detrimento do medio ambiente e a poboación.

O bosque desanimado
A política autonómica vén ignorando desde fai décadas na práctica a importancia da conservación dos bosques autóctonos. Penetrarse na paisaxe galega é hoxe contemplar o "deserto verde" de eucalipto e piñeiro, mentres do tradicional "bosque animado" galego case só queda a inmortalización feita pola literatura. Cicais como mecanismo para conter a súa desaparición total, algunhas áreas naturais de Galicia integran a Rede Natura 2000, unha figura de conservación que se estableceu a nivel europeo. Mais a protección das áreas naturais non é realmente intocable para a administración. Permítense canteiras, piscifactorías ou parques eólicos dentro da Rede, para o que non se dubida en quitarlle e engadirlle partes a capricho, para dar cabida a eses "desenvolvementos".

Fonte: diagonalperiodico.net
________________

terça-feira, 6 de julho de 2010

A Bicicaravana en Defensa da Terra vai estar no Pico Vello este Xoves 7 de Xullo de 2010

CHAMADA PARA PARTICIPAR

Visita a Pico Velho

Bom serám gente, para esta quarta feira, dia 7 de julho, imos ter umha visita em Pico Velho, venhem uns companheir@s de Espanha e algúm galego que estám a participar numha protesta contra dumha instalçom da Shell na Irlanda, no condado de Mayo e querem conhecer a problemática ambiental de Galiza e concretamente o caso da mina de andalucita, mando-vos a ligaçom à sua página para que conhezades esta experiência: www.inventati.org/bicilab. Saem de As Pontes para Pico Velho o dia 7 às seis da tarde e chegarám arredor das sete menos um quarto, eu vou-nos acompanhar neste tramo, mas era bem que vinhera mais alguém, aliás em Pico Velho podia-mo-lhes fazer um recebimento e dar-lhes umha explicaçom do projecto mineiro como das actividades que estamos desenvolvendo. Mandade aviso a ver se juntamos um bom grupo.

Vemo-nos quarta dia 7.

Nês

Enviado por :
Ernesto Lopes Dias Nes
-lodergz@gmail.com-
4 de julho de 2010 21:24

Bicicletada en defensa da terra!!!

Outra maneira de facer as cousas, outro modelo enerxético: Desde o 7 ao 10 de Xullo unha bicicaravana reivindicativa percorrerá anosa Comarca

[Clicar acima do cartaz para ampliar e poder acceder ao programa de actos]

Bicicletada en defensa da terra!!!

A caravana que partira en maio de Madrid a Irlanda para protestar contra o gaseoducto experimental de alta presión que a Shell quere facer pasar por unha reserva da biosfera no noroeste de Irlanda xa está de volta e chegará á nosa comarca a partires do 7 de Xullo. No seu percorrido reivindicativo foron moitois os lugares nos que activistas en bici sumáronse para loitar e reivindicar outra maneira de facer as cousas, outro modelo enerxético e industrial que non sexa destrutivo, que respete o medio e que sexa xusto e posible. Un modelo de decrecemento e desindustrialización que restaure con urxencia o necasario equilibrio que nos reconcilie coa natureza da que foemamos parte.

É o momento agora de que nos sumemos á marcha na nosa comarca para chamar a atención sobre os moitos problemas que nos afectan. Como o da mina de andalucita que se pretende instalar na zona de Goente poñendo en perigo a riqueza e biodiversidade das fragas do Eume, os distintos puntos negros de contaminación, recheos e desfeitas na ría de Ferrol e a perigosa barbarie que supón a instalación da planta regasificadora de Reganosa.

Desde UL facemos un chamamento a apoiar esta marcha nas distintas etapas e días que percorrerá a comarca participando nos roteiros programados, nas charlas e na festa reivindicativa que faremos en Mugardos. E tempo de berrar e de pedalear!!!

Enviado por:
Unión Libertaria
-unionlibertaria@gmail.com-
5 de julho de 2010 09:21
____________________

Enlace relacionado:

A noticia en Vieiros:

Biciraravana [antipetroleira] na Ferrol Terra
"E tempo de berrar e pedalear!!!"
Desde esta cuarta feira até o sábado, un roteiro ciclista que estivo o último mes por Irlanda percorrerá a zona para denunciar as moitas ameazas ambientais na comarca. [+info]
______________________

De Pontedeume ás Pontes por terras liberadas ... da mina de andalucita

A explotación promovida por Picobello Andalucita S.L., de capital británico e surafricano, fora rexeitada pola anterior Xunta


Por Marcos Loureiro Díaz

É de sobra coñecido que a dominación económica da nosa nación por parte do Estado Español pode adoptar diversas formas en función de cal lle achegue maior beneficio. Mais no que se refire á obtención de recursos do noso medio sempre se repite un mesmo esquema: a depredación, a espoliación e a explotación.

Imos amosar como se efectiviza este esquema na comarca do Eume coa mina de andalucita coa que a administración ten o detalle de nos "agasallar". Cómpre que comecemos lembrando que a explotación promovida por Picobello Andalucita S.L., de capital británico e surafricano, fora rexeitada pola anterior Xunta (que non era nin moito menos fiábel en cuestións ambientais como ben sabe o río Eume) polos impactos que suporía no Parque Natural das Fragas do Eume. Agora, logo de modificacións "cosméticas" e lavados de cara varios, volve a vaca ao millo.

A actual administración aprobou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da mina a ceo aberto que degradará aínda máis as maltreitas Fragas do Eume afectando, así, á contorna do monte Fontardión, no alto Belelle, que é unha zona ben conservada hábitat de especies protexidas como a tartaraña cincenta ou o bufo real (só 10 parellas na Galiza) e que debería funcionar como corredor ecolóxico entre o LIC Xubia-Castro e o Parque Natural do Eume. A explotación fica uns metros fóra destes espazos mais os impactos (arrastres, perda e degradación dos hábitats, desfeita paisaxística) non entenden de fronteiras administrativas. E todo para que o mineral, utilizado na fabricación de tixolos, vaia fóra do país, ao estilo dun neocolonialismo "anglo-boer".

Xa no ano 2007 se fixera sentir na comarca do eume a sonora oposición ao proxecto de mina de andalucita promovido pola empresa Picobello Andalucita S.L. no Concello das Pontes por supoñer a destrución do nacemento do Río Belelle e afectar gravemente ao Parque Natural das Fragas do Eume. Por iso, o que non era lóxico e normal no ano 2007 non pode selo agora no ano 2010.

O documento en si está cheo de erros e incongruencias, e ademais sorprende que despois de ser rexeitado pola anterior Consellería de Medio Ambiente (insisto, nada amigábel co noso medio), agora se lle pretenda dar luz verde ao proxecto sen que sufrise modificacións significativas. Aplica nesta cuestión o PP o mesmo principio que fixo co noso idioma "eu teño a maioría absoluta e dáme igual se vós a razón" para así favorecer os intereses privados dos promotores da explotación, pasando por riba da lexislación ambiental: tanto da galega coma da estatal.

Este proxecto afectaría moi negativamente á cantidade e á calidade das augas bombeadas do río Belelle na estación de captación feita polo Concello da Capela, a moi pouca distancia augas abaixo da localización da citada mina, para abastecer de auga potábel a todo o Concello da Capela e á parte alta dos Concellos de Fene e Cabanas. Hai que lembrar que tamén os concellos de Neda e Ferrol abastécense da agua procedente do Belelle.

Por outra banda, a zona afectada é refuxio dunha flora e fauna de grande riqueza. Así, nas beiras do rego Cernadas, apréciase a presenza do felgo Dryopteris aemula (especie que figura como vulnerábel no Catálogo de Especies Ameazadas de Galiza), así como especies de liques do xénero Usnea, indicadores de boa saúde atmosférica.

Tamén resulta digno de ter en conta, desde o punto de vista da conservación, que o Monte Fontardión, a cuxo pé se atopa a zona que se pretende explotar, constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural das Fragas do Eume e o L.I.C. Xubia-Castro, condición que desaparecería de levarse a cabo a explotación. Por outra banda, o espazo previsto como entulleira sitúase xusto sobre o rego Manciñeira, tributario do Eume, o cal supón un deterioro tamén da súa cabeceira e un perigo constante para a calidade das augas, tanto por emisións de pó e de lixiviados, como pola posibilidade de rotura das balsas de decantación.

Semella que neste caso a administración "galega", colocamos galega entre aspas por dubidarmos de que alguén que sexa merecente de tal denominadición queira contribuír á destrución ambiental da súa nación, está máis preocupada de garantir os intereses económicos dos promotores da mina que de atender ás súas obrigas legais de protección do medio ambiente.

Así, servíndome dos versos dun dos nosos poetas nacionais que sentía nel a paisaxe do Courel, todos e todas nós queremos ir de Pontedeume ás Pontes por terras liberadas ... da mina de andalucita.

Publicado en Terra e Tempo -21.06.2010-
_____________