terça-feira, 17 de agosto de 2010

De Pontedeume ás Pontes por terras liberadas...da mina de andalucita

Por Marcos Loureiro Díaz [*]


É de sobra coñecido que a dominación económica da nosa nación por parte do Estado Español pode adoptar diversas formas en función de cal lle achegue maior beneficio. Mais no que se refire á obtención de recursos do noso medio sempre se repite un mesmo esquema: a depredación, a espoliación e a explotación.

Imos amosar como se efectiviza este esquema na comarca do Eume coa mina de andalucita coa que a administración ten o detalle de nos "agasallar". Cómpre que comecemos lembrando que a explotación promovida por Picobello Andalucita S.L., de capital británico e surafricano, fora rexeitada pola anterior Xunta (que non era nin moito menos fiábel en cuestións ambientais como ben sabe o río Eume) polos impactos que suporía no Parque Natural das Fragas do Eume. Agora, logo de modificacións "cosméticas" e lavados de cara varios, volve a vaca ao millo.


A actual administración aprobou a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da mina a ceo aberto que degradará aínda máis as maltreitas Fragas do Eume afectando, así, á contorna do monte Fontardión, no alto Belelle, que é unha zona ben conservada hábitat de especies protexidas como a tartaraña cincenta ou o bufo real (só 10 parellas na Galiza) e que debería funcionar como corredor ecolóxico entre o LIC Xubia-Castro e o Parque Natural do Eume. A explotación fica uns metros fóra destes espazos mais os impactos (arrastres, perda e degradación dos hábitats, desfeita paisaxística) non entenden de fronteiras administrativas. E todo para que o mineral, utilizado na fabricación de tixolos, vaia fóra do país, ao estilo dun neocolonialismo "anglo-boer".

Xa no ano 2007 se fixera sentir na comarca do eume a sonora oposición ao proxecto de mina de andalucita promovido pola empresa Picobello Andalucita S.L. no Concello das Pontes por supoñer a destrución do nacemento do Río Belelle e afectar gravemente ao Parque Natural das Fragas do Eume. Por iso, o que non era lóxico e normal no ano 2007 non pode selo agora no ano 2010.

O documento en si está cheo de erros e incongruencias, e ademais sorprende que despois de ser rexeitado pola anterior Consellería de Medio Ambiente (insisto, nada amigábel co noso medio), agora se lle pretenda dar luz verde ao proxecto sen que sufrise modificacións significativas. Aplica nesta cuestión o PP o mesmo principio que fixo co noso idioma "eu teño a maioría absoluta e dáme igual se vós a razón" para así favorecer os intereses privados dos promotores da explotación, pasando por riba da lexislación ambiental: tanto da galega coma da estatal.

Este proxecto afectaría moi negativamente á cantidade e á calidade das augas bombeadas do río Belelle na estación de captación feita polo Concello da Capela, a moi pouca distancia augas abaixo da localización da citada mina, para abastecer de auga potábel a todo o Concello da Capela e á parte alta dos Concellos de Fene e Cabanas. Hai que lembrar que tamén os concellos de Neda e Ferrol abastécense da agua procedente do Belelle.

Por outra banda, a zona afectada é refuxio dunha flora e fauna de grande riqueza. Así, nas beiras do rego Cernadas, apréciase a presenza do felgo Dryopteris aemula (especie que figura como vulnerábel no Catálogo de Especies Ameazadas de Galiza), así como especies de liques do xénero Usnea, indicadores de boa saúde atmosférica.

Tamén resulta digno de ter en conta, desde o punto de vista da conservación, que o Monte Fontardión, a cuxo pé se atopa a zona que se pretende explotar, constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural das Fragas do Eume e o L.I.C. Xubia-Castro, condición que desaparecería de levarse a cabo a explotación. Por outra banda, o espazo previsto como entulleira sitúase xusto sobre o rego Manciñeira, tributario do Eume, o cal supón un deterioro tamén da súa cabeceira e un perigo constante para a calidade das augas, tanto por emisións de pó e de lixiviados, como pola posibilidade de rotura das balsas de decantación.

Semella que neste caso a administración "galega", colocamos galega entre aspas por dubidarmos de que alguén que sexa merecente de tal denominadición queira contribuír á destrución ambiental da súa nación, está máis preocupada de garantir os intereses económicos dos promotores da mina que de atender ás súas obrigas legais de protección do medio ambiente.

Así, servíndome dos versos dun dos nosos poetas nacionais que sentía nel a paisaxe do Courel, todos e todas nós queremos ir de Pontedeume ás Pontes por terras liberadas...da mina de andalucita.

Publicado no Terra e Tempo - 25.06.2020

[*] Marcos Loureiro Díaz, lé licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade da Coruña. Milita no nacionalismo desde moi novo. É militante de varias organizacións do nacionalismo como a Unión da Mocidade Galega (UMG) e Galiza Nova onde é o Vicerresponsábel Comarcal de Ferrolterra. Asemade, leva cinco anos nos CAF, Comités, onde desempeñou varias responsabilidades. Na actualidade é o Responsábel Nacional dos Comités.
__________

segunda-feira, 9 de agosto de 2010

Publicamos un video realizado por Xavier Brisset, sobre O Pico Vello

Trata-se dun video de pouco máis de 6 minutos, realizado no transcurso do Roteiro pola Fraga d'O Pico Vello do pasado 15 de Maio, onde participaron máis dun cento de persoas. O traballo, realizado por "8mares" -Xavier Brisset, amosa-nos uns detalles do espazo natural que a explotación mineira de Picobello Andalucita SL, de levar-se adiante, sen dúvida destruiría. Varios protagonista da marcha explican-nos, con claridade, o especial do espazo que se quere protexer e das nefastas consecuencias dunha explotación mineira no Pico Vello a poucos metros das Fragas do Eume.


Roteiro do Pico Vello | 8mares
Cargado por 8mares. - Videos web independentes.

Fonte: http://www.dailymotion.com/video/xdrxme_roteiro-do-pico-vello-8mares_creation

Realizado por:
Xavier Brisset Martín
____________________________