sexta-feira, 18 de junho de 2010

Radio Cerna fala sobre o proxecto mineiro de "Picobello Andalucita"

Radio Cerna [*], a radio de ADEGA, realizou un programa especial sobre o proxecto mineiro de "Picobello Andalucita". Belén Rodríguez presenta o programa onde sintetiza todo o proceso que pretende a explotación mineira na Fraga d'O Pico Vello e nas inmediacións do PN das Fragas do Eume. No transcurso do programa radiofónico realizan-se entrevistas aos compañeiros Ernesto Lópes e Antom Marcal, e á compañeira Mónica Arto. O programa xa foi emitido o 18 de Maio de 2010, mais polo seu interese facilitamos o audio do mesmo que se pode escoitar en formato mp3.

Audio en formato mp3:
A Xunta de Galicia facilita a explotación mineira a ceo aberto a "Picobello Andalucita, SL" na Fraga d'O Pico Vello e a 50 metros do PN das Fragas do Eume

Información baseada na enviada por:
Ernesto Lopes Dias Nes
-lodergz@gmail.com-
17 de junho de 2010 00:32

_______________________

[*] Radio-CERNA está na rede!
Radio CERNA é o primeiro espazo radiofónico especializado na temática medioambiental e ecoloxista en Galiza. Pretende ser un produto comunicativo de difusión gratuíta que aproveita as novas tecnoloxías para formecer de formación e información sobre o ambiente no noso país.

Para contactar:
radiocerna@adega.info

Para acceder a radio Cerna:
http://adega.info/info/090121joomla/radio-cerna
___________________________________

O profesor Mario Valdivieso menciona O Pico Vello na presentación do seu Estudo sobre os muiños de auga do Río Belelle

O profesor, escritor, historiador e investigador Mario Valdivieso Mateo, estivo en Neda o pasado 14 de Xuño, para presentar un traballo sobre os muíños de auga do Río Belelle. Dentro do percorrido do estudo feito falou sobre O Pico Vello , o Cernadas e o impacto ambiental que tería o proxecto mineiro de "Picobello Andalucita" no deterioro do Espazo Natural e o Río.

Radiofusión publicou na súa web o artigo que trascrivimos a continuación e o audio da entrevista que se lle fixo na radio que podes escoitar online ou baixa-lo.



Os centurións do río Belelle

O profesor Mario Valdivieso presentou onte este traballo no polideportivo de Neda

Os muíños son construccións antigas de carácter laboral que empregan a forza da auga do río para moer o gran. Construíronse a base de cachotería e perpiaño de forma rectangular ou cadrada, xeralmente de pequeñas dimensións. A maioría dos ríos galegos contan ao longo do seu percorrido con moitas destas construccións tradicionais que forman parte de nosa identidade. O río Belelle posúe unha das rutas con máis interese arquitectónico e paisaxístico da comarca de Ferrolterra. Hoxe, cubertos moitos por hedras e silvas, fálannos dun pasado que se vai e un presente que os enterra.

O muíño do Picovello, perto do nacemento do Belelle, abre o roteiro turístico por esta senda da arquitectura tradicional galega. Baixando atopamos, nunha zona caracterizada pola súa beleza, o da Cernada, un muíño de cubo que logo transformaron de presa para acadar máis presión no rodicio. No da Carraola, narra o profesor Mario Valdivieso quen traballou nesta recompìlación dos muíños de auga do Belelle, unha muiñeira morreu ao caerlle a presa enriba polas fortes choivas e partir deste tráxico suceso deixou de funcionar. Caracterízase pola ausencia de inferno, polo que é o único da contorna do Belelle que non ten acceso ao exterior.

[Visitando un Muiño no rego Cernadas
O Pico Vello, 15 de Xullo de 2007

Foto de Miguel Ángel Fernández]

Continuando río abaixo atopamos o do Ribeirón e o da Pinguela. Este último debe o seu nome ao escaso caudal co que contaba. Atópase entre A Capela e o lugar dos Calzados. Na postguerra o Mazicos de Mugardos, foi capturado no muíño do Salgado. Destaca pola perfección na construcción das súas paredes. O avó de todos eles, é o do Ameneiro que se remonta a mediados do século XVIII, de tamaño pequeno e coas pedras ao ar, como era costume naqueles tempos.

Máis muíños vixían o transcorrir do río Belelle. O de Fornelos, o do Cacarelo, no lugar de Xaxén, onde destaca a caixa de protección da fariña, o agora restaurado muíño do Barreiro, o único do Belelle con vivenda superior e do Carregado mantido polo regato do Teixeiro. Xa no Concello de Neda permanece en pé o de Fraguela e o de Canido.

Os muíños foron vitais na economía e no desenvolvemento da vida nas aldeas. Forman parte da paisaxe e da historia, da cultura popular, recollida no folclore e da literatura. Costumes que se están perdendo igual que os muíños, substituídos progresivamente polos eléctricos. Estas construccións considéranse de interese etnográfico, debendo entre todos fomentar a súa restauración. O muíño en Galicia foi e é moito máis que un método para obter fariña. É arquitectura, é tecnoloxía, é historia, é literatura, é paisaxe...é unha marabillosa herdanza e unha das nosas sinais de identidade.

Publicado en Radiofusión o 15 de Xuño de 2010

Fonte: http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=6622

Escoita en formato mp3:
Fragmento da charla de Mario Valdivieso recollida por Radiofusión

Información baseada na enviada por:
Ernesto Lopes Dias Nes
lodergz@gmail.com
15 de junho de 2010 23:41

___________________

quinta-feira, 10 de junho de 2010

Carta de Greenpeace ao Conselleiro do Medio Rural, da Xunta de Galicia, Samuel Juárez Casado

Carta de Greenpeace ao Conselleiro do Medio Rural, da Xunta de Galicia, Samuel Juárez Casado, remitida tamén a Valentín González Formoso, Alcalde d'As Pontes e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

A través desta carta quero compartir a miña preocupación cos grupos ecoloxistas galegos ante a recente aprobación da Declaración de Impacto Ambiental para o proxecto de explotación mineira da concesión Sonsolves IV 6156.1, na Parroquia de Goente, concello de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido por Picobello Andalucita, S.L.

O xacemento está na zona do Pico Vello, lindante co Parque Natural Fragas do Eume, e constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico como os queirugais húmidos atlánticos de clima temperado, considerados como hábitat prioritario, é dicir, en perigo de desaparición, segundo a Directiva Hábitats do Consello da Unión Europea. Tan só unha zona próxima a Pico Vello está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura 2000, sendo esta a principal rede ecolóxica a nivel europeo baseada na conservación da biodiversidade e que otorga unha figura de protección a aqueles territorios onde existan hábitats de interese comunitario.

O monte Fontardión, ao pé do cal se atopa Pico Vello, constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural Fragas do Eume e Lugar de Interese Comunitario Xubia-Castro, ámbolos dous incluídos xa na Rede Natura 2000. A posta en funcionamento da explotación suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...).

Non hai que esquecer que o proxecto afectaría tamén ó Parque Natural Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do río Eume, principal cauce que percorre o Parque Natural, o que suporía unha grave contaminación, por lixiviacións, escorreduras, etc. No informe de avaliación ambiental non se detallan as repercusións negativas derivadas da execución do proxecto sobre o Parque Natural situado a tan só 50 metros de distancia da zona da extracción; entendemos que a franxa de amortecemento non é abondo para librarlo das afeccións causadas pola contaminación da mina.

Autorizar esta explotación provocaría tamén a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de A Capela, Cabanas, Fene, Neda e Ferrol. A valoración do Impacto Ambiental faise unicamente sobre unha das dúas bacías fluviais afectadas, a do río Eume, omitindo expresamente a afección á bacía do río Belelle. Dicimos “expresamente” pola razón de aparecer encadrado o Rego Cernadas na bacía do Río Eume e non na cunca do Río Belelle, como corresponde coa realidade. Debido a esta omisión, enténdese claramente porque non se fai un balance axeitado sobre as afeccións a esta bacía.

Súmome, por todo o dito, ao rexeitamente público manifestado por diferentes colectivos sociais e concellos afectados, que ven en perigo a captación de auga para abastecemento das poboacións, ademais de non atopar ningún beneficio económico na posta en marcha dun proxecto de forte impacto na contorna. Apoio o rexeitamento expresado polos grupos ecoloxistas galegos ante un proxecto de explotación que suporía a destrucción da fraga de Pico Vello, o nacemento do Río Belelle e afectaría gravemente ao Parque Natural Fragas do Eume. Os responsables públicos deberían invalidar a declaración de Impacto Ambiental, dadas as eivas atopadas na mesma. Por último, esixo aos diferentes órgaos da Adminsitración Pública o respeto da lexislación vixente e un compromiso claro coa salvagarda da contorna, en detrimento de intereses particulares e transitorios como é a mina de andalucita no lugar de Pico Vello, favorecendo modelos económicos sustentables e respetuosos social e ambientalmente.

Espero unha rápida e eficaz resposta de súa parte ás preocupacións e esixencias expostas nesta carta.

Moi atentamente,

Miguel Ángel Soto Caba
Responsable da Campaña de Bosques e Clima
Greenpeace España. C/ San Bernardo 107 , 1º
E-28015 Madrid
Tel+34 91 444 14 00 - Fax+34 91 447 15 98

___________

REDUCE O CONSUMO DE PAPEL
http://www.shrinkpaper.org/

Greenpeace é unha organización política e económicamente independiente. Colabora e faite soci@.

www.greenpeace.es

Enviada por:
Miguel Angel Soto
masoto@greenpeace.org
8 de junho de 2010 16:00

____________________

quarta-feira, 9 de junho de 2010

Unha ciberacción en defensa da Fraga d'O Pico Vello, promovida por "Salva a Selva"

SOS para os bosques galegos: Non á mina en Pico Vello

Estimadas amigas e amigos de Salva a Selva:

Outra vez os nosos ollos diríxense ao noroeste español, a Galicia, e indignámonos polo que está sucedendo alá.

Unha explotación mineira ao descuberto ocupará 277.016 metros cadrados nos límites das Fragas do Eume, o Parque Natural máis singular da Europa atlántica e unha das xoias forestais ibéricas. 'Fraga' significa 'bosque' en lingua galega, e alude á masa forestal atlántica primitiva, formada por carballos, bidueiros, avellanos e acivros. A biodiversidade, así como as augas e a saúde da poboación ven seriamente ameazadas.

Escribe hoxe mesmo ás autoridades responsables expresando a túa indignación e solicitando que deteñan xa mesmo o proxecto. Entra hoxe mesmo a:

http://www.salvalaselva.org

e asina o modelo de carta que preparamos xunto coas organizacións ecoloxistas galegas, e que se envía automaticamente ás autoridades responsables. Axúdanos a difundir esta mensaxe o máis amplamente posible entre os teus amigos, familiares e compañeiros de traballo. Moitas grazas e un afectuoso saúdo.

Guadalupe Rodríguez
Salva a Selva
http://www.salvalaselva.org

Pon un banner de Salva a Selva na túa web o blog:
http://www.salvalaselva.org/banner.php
Síguenos en Facebook:
http://www.facebook.com/salvalaselva

Enviada por:
monica arto blanco
primumverum@yahoo.es
8 de junho de 2010 09:56

___________________