segunda-feira, 9 de maio de 2011

Fraude en Pico Vello?

A continuación transcribimos un artigo de interese publicado na web do Colectivo Fusquenlla:

O proxecto mineiro en Pico Vello que a empresa Picobello Andalucita presentou para a explotación deste mineral a carón do parque natural das Fragas do Eume leva camiño de convertirse nun episodio máis da fraudulenta picaresca empresarial á que xa estamos afeitos.

Esta empresa de capital surafricano foi beneficiada pola administración con diversas subvencións que acadaron a escandalosa cifra de case 6 millons de euros dende o ano 2000. Estas axudas creadas para o desenvolvemento de zonas afectadas pola crise mineira foron outorgadas a pesares da dubidosa solvencia económica da empresa e de que o seu proxecto fora rexeitado polo anterior goberno da Xunta. Recentemente a mesma sociedade solicitou unha nova subvención de 7 millóns de euros con cargo ás axudas que o Estado concederá ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal no ano 2011 para a súa reindustrialización. Máis chamativo é o impacto social do proxecto: creación de 12 postos de traballo.

Agora é o alcalde de As Pontes, quen sempre se sentíu encantado de apoiar este proxecto depredador dun espazo natural, o que desconfía das verdadeiras intencións da empresa surafricana. Valentín González Formoso, asegura que a mina que a empresa Picobello Andalucita SL promove na parroquia de Goente “é ata agora un proxecto pois nin hai investidores nin parece que vaian aparecer segundo vai pasando o tempo”, segundo declaracións do rexedor no encontro dixital organizado polo xornal "La Opinión".

Sería lamentábel contemplar como diñeiro público pasa a mans de empresarios sen a necesaria solvencia económica para desenvolver proxectos empresariais. Uns proxectos que, amais de perniciosos para o medio ambiente, son unha tapadeira para conseguir fraudulentamente subvencións que non revirten na creación de riqueza e progreso social. Urxe reclamar á administración pública un seguimento das subvencións concedidas  e a devolución destas se se comproba que non tiveron o destino previsto para o que foron creadas. As organizacións ecoloxistas que no seu día nos opuxemos; á mina de andalucita dabamos conta das innumerables irregularidades que se deixaban entrever neste proxecto. Quizais teñamos que empezar a sopesar a idea dun posíbel fraude económico.

Ler aquí unha reflexión sobre Pico Vello e fondos públicos recollida nesa páxina do Colectivo.
Colectivo Fusquenlla http://sospontedeume.com fusquenlla@sospontedeume.com ______________

Nenhum comentário:

Postar um comentário