quinta-feira, 15 de julho de 2010

Unha mina ao descuberto ameaza Pico Vello

O xornal estatal de actualidade crítica "Diagonal", publica no número 130 da súa edición en papel impreso, e na edición dixital na rede, un interesante artigo sobre a ameaza da explotación mineira na Fraga d'O pico Vello. A continuación transcribimos o citado artigo.

Diagonal

GALIZA // OS ECOLOXISTAS LEVAN Á FISCALÍA O ESTUDO DE IMPACTO
Guadalupe Rodríguez (Salva a Selva) / A Coruña

Xoves, 15 de xullo de 2010

O interese de investidores británicos e surafricanos en extraer andalucita, un mineral utilizado na construción, está detrás deste plan, que ameaza a contorna das Fragas do Eume.


En Pico Vello existen un bosque e prados que albergan numerosas especies de flora e fauna, con alto interese biolóxico e catalogadas como vulnerables. Pico Vello está situado na parroquia de Goente d'As Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e a concesión mineira limita co Parque Natural das Fragas do Eume. O proxecto implica a contaminación e a diminución da cantidade e calidade das augas dos ríos Maciñeira e Belelle, que abastecen a parte da poboación local. Estes ríos poderían ata chegar a desaparecer. Outro motivo para a preocupación é a desaparición do monte Fontardión, a cuxo pé atopa-se a zona que se pretende explotar, e que constitúe un corredor ecolóxico.

O obxectivo do proxecto mineiro é extraer 26 millóns de toneladas de andalucita nos próximos 50 anos. Este é un mineral resistente a altas temperaturas que se utiliza, entre outras cousas, na construción de fornos industriais para a química, siderúrxica ou metalúrgica. As críticas ao proxecto, ademais das súas posibles consecuencias sociais e ambientais, derivan do Estudo de Impacto Ambiental elaborado pola administración xa que non recolle todos os efectos adversos da mina. Máis dunha ducia de grupos ecoloxistas e veciñais, entre os que están a Federación Ecoloxista Galega, a Agrupaçom de Montanha Águas Limpas ou Salva la Selva denuncian, así mesmo, que Pico Vello quedou incomprensiblemente fóra dunha proposta de Ampliación de la Red Natura 2000.

Calquera proxecto mineiro ao descuberto ten un grande impacto sobre as áreas lindeiras e a contorna humana, a nivel ambiental, social e cultural, moitos deles moi difíciles de prever.

Capital surafricano

A principal interesada en explotar este xacemento é a multinacional Picobello Andalucita, S.L., unha empresa coruñesa constituída no ano 2000 con financiamento surafricano e británica. Os distintos grupos ecoloxistas denuncian que a empresa e non a rexión serían as beneficiarias do proxecto. Para as organizacións ecoloxistas, os postos de traballo que crearía, que segundo informacións contraditorias oscilan entre 20 e 200, non xustifican tal impacto.

Estas organizacións expresan a súa máis absoluta oposición á minería, e as súas esixencias van dirixidas a que se suspenda o proxecto, e que a zona de Pico Vello sexa declarada Espazo Natural Protexido ou que se inclúa no Parque Natural das Fragas do Eume. Xa foi presentada unha denuncia ante a Fiscalía polos grupos ecoloxistas polo proceder irregular da Administración no que se refire ao contido do Estudo de Impacto Ambiental do proxecto mineiro. Alegan que o estudo do proxecto ten escandalosas omisións, como non detallar os auténticos impactos do proxecto sobre o Parque Natural das Fragas do Eume. Quen elaboraron ese Estudo de Impacto Ambiental non se refiren ás ameazas aos ríos, a pesar de que isto é obrigatorio por lei. Ademais, as sucesivas versións do proxecto mineiro non emendaron os erros e incongruencias da primeira versión, senón que foron reducindo a extensión orixinal da explotación ata os 277.016 metros cadrados.

Pola contra, a solución que atopou a empresa foi excluír as Fragas do Eume da área do proxecto e establecer unha zona de amortiguamiento ou franxa de "seguridade" duns escasos 50 metros e, despois, argumentar que isto é "ambientalmente viable".

O proceder da Xunta podería explicarse á vista das presións dos donos da concesión mineira, quen en boca do seu representante Gwendoline Holliday declararon á prensa que "os investidores estanse cansando". Isto parece dar un impulso aos trámites, que se aceleraron a favor dos empresarios e en detrimento do medio ambiente e a poboación.

O bosque desanimado
A política autonómica vén ignorando desde fai décadas na práctica a importancia da conservación dos bosques autóctonos. Penetrarse na paisaxe galega é hoxe contemplar o "deserto verde" de eucalipto e piñeiro, mentres do tradicional "bosque animado" galego case só queda a inmortalización feita pola literatura. Cicais como mecanismo para conter a súa desaparición total, algunhas áreas naturais de Galicia integran a Rede Natura 2000, unha figura de conservación que se estableceu a nivel europeo. Mais a protección das áreas naturais non é realmente intocable para a administración. Permítense canteiras, piscifactorías ou parques eólicos dentro da Rede, para o que non se dubida en quitarlle e engadirlle partes a capricho, para dar cabida a eses "desenvolvementos".

Fonte: diagonalperiodico.net
________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário