quarta-feira, 2 de fevereiro de 2011

Pico Vello e fondos públicos

Hoxe volve a ser nova a mina de andalucita en Pico Vello (As Pontes), exemplo perfecto do relato arquetípico de saqueo, destrución e malgasto, ao continuar co patrón usual de agravios contra o entorno natural que estragaría, e contra o sistema público administrativo, neste caso no tocante á financiación, sempre maleábel ante a cuestión privada. A nova non é outra que a solicitude por parte da empresa dunha subvención de 7 millóns de euros, para a creación dun proxecto que produciría 12 postos de traballo, hoxe que todo é lexitimábel e cuantificábel polo número postos de traballo. Fagamos un breve resumo da particular historia deste proxecto, paradigma dun sistema estruturado en base á interacción goberno-empresas, universidade-empresas que conta, lembremos, con moitos máis casos cuestionabeis que o que aquí presentamos a modo de exemplo.
  • A mina de Andalucita correspóndese cun proxecto presentado á Xunta de Fraga, non autorizado posteriormente por Medio Ambiente na era de Pachi Vázquez por invadir o Parque Natural das Fragas. A empresa modifica as dimensións da actuación e mantén unha franxa de 50 metros co Parque Natural, á cal Medio Ambiente da o visto bo nos informes, anque durante o resto da lexislatura se mantén o silencio administrativo para o resto de autorizacións, non quedando nin denegada nin autorizada a explotación. As autoridades prefiren esperar e meter o proxecto no caixón: hai protestas e intereses electorais.

  • A empresa, de capital e padroado foráneo anglo-surafricano, solicitara e se lle concedera no ano 2000 unha subvención de 6,3 millóns (o 33% da inversión) de euros para crear 33 postos de traballo, previamente a coñecerse se o proxecto podía ser autorizábel, mostra da sofisticación burocrática das administracións, capaces de denegar proxectos pero seguir financiándoos. A principios de ano, diferentes comunicados na prensa da empresa falaban de entre 50 e 60 postos de traballo directo e 200 indirectos (ver El Progreso). Hoxe volven a ser nova porque solicitan outra subvención de 7 millóns para crear 12 postos de traballo. A cifra de emprego sofre misteriosas mermas conforme pasan os anos, namentres o interese xeral sempre aludido por autoridades e patróns nunca declina.

  • A actual Xunta de Feijóo retoma os trámites e atende ante as presións da empresa. Autorízase ambientalmente a explotación a pesar de que desvelado o informe medioambiental non se menciona nin sequera o posíbel impacto sobre as Fragas do Eume dunha explotación mineira a ceo aberto que fará descansar as entulleiras sobre o río Maciñeira, afluente do Eume. ¿Como obtén a empresa un informe de impacto ambiental favorábel? O informe é elaborado á medida da empresa, xa que é a propia empresa a que encarga e paga o informe. Neste caso recórrese, como xa fixera Endesa co lago artificial, aos recursos científicos e mercantís dun departamento da Universidade de Santiago de Compostela, que estabelece un prezo aos servizos prestados de 9.333,33 euros no seu Consello de Goberno do 13 de Marzo do 2007. O coordinador do obxectivo estudo científico é Felipe Macías Vázquez, do Instituto Tecnolóxico da USC, o mesmo que emite informes a medida para a realización por parte de Endesa do lago artificial. As prebendas son plausíbeis no caso de Picobello SL; cando remate a explotación da mina será con probabilidade o vindeiro autor do informe preciso para encher o novo oco con auga. A empresa fala nos medios de que conta co “aval da USC”, nunca mellor dito.

  • A fiscalía admite as protestas dos ecoloxistas e inicia as investigacións oportunas. A explotación incumpriu os prazos máximos de tramitación de 12 meses que fixa Lei 3/2008 de Ordenación dá Minería en Galiza (38 meses), polo que se lle denega a autorización por silencio administrativo, e incumpre o Real Decreto 1/2008 da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental por omitir os efectos sobre a cunca do Belelle que abastece de auga a Ferrol, Cabanas, Fene, Neda e A Capela e non propór alternativas á localización da entulleira sobre o Maciñeira. Incumpre ademais a superficie mínima de cuadrículas requirida pola Lei de Minería de 1973, e a presenza do Parque Natural fai imposíbel o axeitamento a dita lei (máis información aquí cunha lista completa das irregularidades).

Temos un sistema administrativo no que este tipo de agresións ao medio son toleradas, auspiciadas e fomentadas pola propia dirección política das institucións e as universidades públicas. O saqueo das arcas públicas é continuo, retrásase a idade de xubilación namentres o conxunto de empresas do país ou foráneas acceden a fondos públicos sen retorno para estabelecer os seus proxectos empresariais. Neste caso trátase 12 postos de emprego durante os 12 anos de explotación da mina e unha recente subvención que de producirse acadará xa a cifra de 13,3 millóns de euros de orixe pública. Con eses cartos o estado ten dúas opcións: pagar o soldo de 2000 euros de 12 traballadores durante 46 anos para a conservación e repoboación do parque natural, ou concederllos a un ente privado para que subempregue a eses 12 traballadores durante 12 anos e marche cos beneficios e os cartos públicos namentres nós quedamos cun buraco quilométrico e unhas Fragas do Eume contaminadas e arruinadas pola insensibilidade dos xestores políticos, enmascaradora sempre dunha consciente ideoloxía privatizadora e caritativa cos intereses empresariais particulares como garantes do benestar social verdadeiro e como manutención da clase social máis vencellada ao entorno do xestor dos fondos públicos. Hai que parar a mina de Pico Vello en particular, e hai que acabar cunha lexislación que permite, salvo protestas cidadáns, o saqueo do entorno natural e do ben público en aras, sexa a contradición moi destacada, do ben público.

Publicado por Fusquenlla no sitio de GNSV o 13 de Xaneiro de 2011

Sitio na rede do Colectivo Fusquenlla
http://sospontedeume.com/
_________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário