Mostrando postagens com marcador Roteiro pola conservación da Fraga d'O Pico Vello. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Roteiro pola conservación da Fraga d'O Pico Vello. Mostrar todas as postagens

quarta-feira, 5 de maio de 2010

Roteiro pola conservación da Fraga d'O Pico Vello, na defensa do río Belelle e do Parque Natural das Fragas do Eume: Sábado 15 de Maio de 2010

[Unha aproximación ao proxecto da mina de andalucita da empresa Picobello,SL]

Roteiro polo Pico Vello pola conservación da Fraga d'O Pico Vello e na defensa do Belelle e do Parque Natural das Fragas do Eume.

As entidades Adega, A. M. Augas Limpas, Club Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra 21, Comité para a Defensa das Rías Altas, Drosera, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, G. N. Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, Néboa Medioambiente, O Rabo do Galo, Saramaganta, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia organizan, o día 15 de maio, un roteiro pola zona de Pico Vello en Goente (As Pontes).

O obxectivo é dar a coñecer a importancia deste lugar de grande biodiversidade, cun altísimo valor natural e etnográfico e protestar pola pretendida instalación alí dunha mina por parte da empresa Picobello S.L. Unha explotación con doce anos de vida útil, que suporía a destrución irreversible do lugar, e afectaría gravemente ó Río Belelle e ó P. N. Fragas do Eume.

Un proxecto inicial da explotación foi rexeitado no ano 2006 por Medio Ambiente por afectar ó P.N. da Fragas do Eume e en decembro dese mesmo ano a empresa presentou outro, fóra dos límites do espazo natural protexido, cunha franxa de amortecemento entre os límites do Parque Natural e a explotación de 50 metros.

A intervención dos colectivos ecoloxistas e a presentación de alegacións por numerosos colectivos e particulares durante o período de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental fixeron que o proxecto quedara paralizado e, segundo a Lei de ordenación da Minaría de Galicia, DENEGADO por silencio administrativo ó transcorrer máis de doce meses sen terse notificado resolución.

A publicación no DOG do pasado 11 de marzo por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da aprobación do Estudo de Impacto Ambiental do proxecto foi denunciada por irregularidades no proceso de tramitación diante da Fiscalía de Medio Ambiente, en base a varios puntos: non respectar os prazos establecidos pola lexislación, irregularidades no contido do informe como non valorar as repercusións negativas sobre o Río Belelle (o Rego Cernadas figura encadrado na cunca do Río Eume no E.I.A. cando é un dos dous regos máis importantes que forman a cabeceira do Belelle) ou non detallar os impactos que a explotación mineira provocaría sobre o P. N. Fragas do Eume, ó que están obrigados pola Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de Proxectos.

A aprobación deste proxecto, suporía a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do Río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de Ferrol, A Capela e Neda. Afectaría ó P. N. Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do Eume, o que suporía unha grave contaminación, por lixiviados, escorreduras, etc. E a franxa de amortecemento non é suficiente para librar o Parque Natural das afeccións causadas pola contaminación da mina.

Sobre este proxecto, o Concello de A Capela, aprobou en pleno, unha moción na que pedía a paralización do mesmo. De levarse a cabo a explotación, deixaría practicamente inutilizada a estación de captación de auga que este concello construíu no río Belelle, a poucos metros augas abaixo da mina, coa perda das inversións correspondentes.

O xacemento está na zona do Pico Vello (colindante e incomprensiblemente excluída do P.N. Fragas do Eume), constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico, algunhas catalogadas como vulnerables pola Directiva Hábitat. Esta fraga está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura e o monte Fontardión constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e L.I.C. Xubia-Castro. O permiso para esta explotación, suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural, e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...)

O roteiro convocado para o día 15 de maio, será un roteiro formativo, de algo menos de 3 km de lonxitude, sobre pistas e sendeiros, no que os participantes poderán coñecer a fraga de Pico Vello. Está confirmada a participación no mesmo de varios expertos que informarán sobre os aspectos xeolóxicos do xacemento, as afeccións da entulleira sobre os ríos, a morfoloxía do Fontardión (no que nacen ata 6 ríos e regatos), a fauna e a flora da zona e aspectos etnográficos como o aproveitamento dos soutos, a xestión dor regadíos, o funcionamento dos muíños... Pola tarde, visitaremos o Museo Etnográfico d'A Capela.

Desde Ferrol, o traslado será en autobús. Sairá ás 10 da mañá desde a Praza de Galiza, diante do Edificio de Correos, con paradas en Caranza, Fene, Cabanas e As Neves. A hora de volta será ás 6 da tarde. Ten un prezo por persoa de 5 € e hai de prazo para apuntarse ata o día 12 de maio no local da SGHN, na Rúa Méndez Núñez, nº11. Teléfono 981-35-28-20.

_________________

Enlace para baixar o cartaz da convocatoria do Roteiro en formato PDF
______________________