quinta-feira, 10 de junho de 2010

Carta de Greenpeace ao Conselleiro do Medio Rural, da Xunta de Galicia, Samuel Juárez Casado

Carta de Greenpeace ao Conselleiro do Medio Rural, da Xunta de Galicia, Samuel Juárez Casado, remitida tamén a Valentín González Formoso, Alcalde d'As Pontes e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

A través desta carta quero compartir a miña preocupación cos grupos ecoloxistas galegos ante a recente aprobación da Declaración de Impacto Ambiental para o proxecto de explotación mineira da concesión Sonsolves IV 6156.1, na Parroquia de Goente, concello de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido por Picobello Andalucita, S.L.

O xacemento está na zona do Pico Vello, lindante co Parque Natural Fragas do Eume, e constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico como os queirugais húmidos atlánticos de clima temperado, considerados como hábitat prioritario, é dicir, en perigo de desaparición, segundo a Directiva Hábitats do Consello da Unión Europea. Tan só unha zona próxima a Pico Vello está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura 2000, sendo esta a principal rede ecolóxica a nivel europeo baseada na conservación da biodiversidade e que otorga unha figura de protección a aqueles territorios onde existan hábitats de interese comunitario.

O monte Fontardión, ao pé do cal se atopa Pico Vello, constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural Fragas do Eume e Lugar de Interese Comunitario Xubia-Castro, ámbolos dous incluídos xa na Rede Natura 2000. A posta en funcionamento da explotación suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...).

Non hai que esquecer que o proxecto afectaría tamén ó Parque Natural Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do río Eume, principal cauce que percorre o Parque Natural, o que suporía unha grave contaminación, por lixiviacións, escorreduras, etc. No informe de avaliación ambiental non se detallan as repercusións negativas derivadas da execución do proxecto sobre o Parque Natural situado a tan só 50 metros de distancia da zona da extracción; entendemos que a franxa de amortecemento non é abondo para librarlo das afeccións causadas pola contaminación da mina.

Autorizar esta explotación provocaría tamén a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de A Capela, Cabanas, Fene, Neda e Ferrol. A valoración do Impacto Ambiental faise unicamente sobre unha das dúas bacías fluviais afectadas, a do río Eume, omitindo expresamente a afección á bacía do río Belelle. Dicimos “expresamente” pola razón de aparecer encadrado o Rego Cernadas na bacía do Río Eume e non na cunca do Río Belelle, como corresponde coa realidade. Debido a esta omisión, enténdese claramente porque non se fai un balance axeitado sobre as afeccións a esta bacía.

Súmome, por todo o dito, ao rexeitamente público manifestado por diferentes colectivos sociais e concellos afectados, que ven en perigo a captación de auga para abastecemento das poboacións, ademais de non atopar ningún beneficio económico na posta en marcha dun proxecto de forte impacto na contorna. Apoio o rexeitamento expresado polos grupos ecoloxistas galegos ante un proxecto de explotación que suporía a destrucción da fraga de Pico Vello, o nacemento do Río Belelle e afectaría gravemente ao Parque Natural Fragas do Eume. Os responsables públicos deberían invalidar a declaración de Impacto Ambiental, dadas as eivas atopadas na mesma. Por último, esixo aos diferentes órgaos da Adminsitración Pública o respeto da lexislación vixente e un compromiso claro coa salvagarda da contorna, en detrimento de intereses particulares e transitorios como é a mina de andalucita no lugar de Pico Vello, favorecendo modelos económicos sustentables e respetuosos social e ambientalmente.

Espero unha rápida e eficaz resposta de súa parte ás preocupacións e esixencias expostas nesta carta.

Moi atentamente,

Miguel Ángel Soto Caba
Responsable da Campaña de Bosques e Clima
Greenpeace España. C/ San Bernardo 107 , 1º
E-28015 Madrid
Tel+34 91 444 14 00 - Fax+34 91 447 15 98

___________

REDUCE O CONSUMO DE PAPEL
http://www.shrinkpaper.org/

Greenpeace é unha organización política e económicamente independiente. Colabora e faite soci@.

www.greenpeace.es

Enviada por:
Miguel Angel Soto
masoto@greenpeace.org
8 de junho de 2010 16:00

____________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário