sexta-feira, 18 de junho de 2010

O profesor Mario Valdivieso menciona O Pico Vello na presentación do seu Estudo sobre os muiños de auga do Río Belelle

O profesor, escritor, historiador e investigador Mario Valdivieso Mateo, estivo en Neda o pasado 14 de Xuño, para presentar un traballo sobre os muíños de auga do Río Belelle. Dentro do percorrido do estudo feito falou sobre O Pico Vello , o Cernadas e o impacto ambiental que tería o proxecto mineiro de "Picobello Andalucita" no deterioro do Espazo Natural e o Río.

Radiofusión publicou na súa web o artigo que trascrivimos a continuación e o audio da entrevista que se lle fixo na radio que podes escoitar online ou baixa-lo.



Os centurións do río Belelle

O profesor Mario Valdivieso presentou onte este traballo no polideportivo de Neda

Os muíños son construccións antigas de carácter laboral que empregan a forza da auga do río para moer o gran. Construíronse a base de cachotería e perpiaño de forma rectangular ou cadrada, xeralmente de pequeñas dimensións. A maioría dos ríos galegos contan ao longo do seu percorrido con moitas destas construccións tradicionais que forman parte de nosa identidade. O río Belelle posúe unha das rutas con máis interese arquitectónico e paisaxístico da comarca de Ferrolterra. Hoxe, cubertos moitos por hedras e silvas, fálannos dun pasado que se vai e un presente que os enterra.

O muíño do Picovello, perto do nacemento do Belelle, abre o roteiro turístico por esta senda da arquitectura tradicional galega. Baixando atopamos, nunha zona caracterizada pola súa beleza, o da Cernada, un muíño de cubo que logo transformaron de presa para acadar máis presión no rodicio. No da Carraola, narra o profesor Mario Valdivieso quen traballou nesta recompìlación dos muíños de auga do Belelle, unha muiñeira morreu ao caerlle a presa enriba polas fortes choivas e partir deste tráxico suceso deixou de funcionar. Caracterízase pola ausencia de inferno, polo que é o único da contorna do Belelle que non ten acceso ao exterior.

[Visitando un Muiño no rego Cernadas
O Pico Vello, 15 de Xullo de 2007

Foto de Miguel Ángel Fernández]

Continuando río abaixo atopamos o do Ribeirón e o da Pinguela. Este último debe o seu nome ao escaso caudal co que contaba. Atópase entre A Capela e o lugar dos Calzados. Na postguerra o Mazicos de Mugardos, foi capturado no muíño do Salgado. Destaca pola perfección na construcción das súas paredes. O avó de todos eles, é o do Ameneiro que se remonta a mediados do século XVIII, de tamaño pequeno e coas pedras ao ar, como era costume naqueles tempos.

Máis muíños vixían o transcorrir do río Belelle. O de Fornelos, o do Cacarelo, no lugar de Xaxén, onde destaca a caixa de protección da fariña, o agora restaurado muíño do Barreiro, o único do Belelle con vivenda superior e do Carregado mantido polo regato do Teixeiro. Xa no Concello de Neda permanece en pé o de Fraguela e o de Canido.

Os muíños foron vitais na economía e no desenvolvemento da vida nas aldeas. Forman parte da paisaxe e da historia, da cultura popular, recollida no folclore e da literatura. Costumes que se están perdendo igual que os muíños, substituídos progresivamente polos eléctricos. Estas construccións considéranse de interese etnográfico, debendo entre todos fomentar a súa restauración. O muíño en Galicia foi e é moito máis que un método para obter fariña. É arquitectura, é tecnoloxía, é historia, é literatura, é paisaxe...é unha marabillosa herdanza e unha das nosas sinais de identidade.

Publicado en Radiofusión o 15 de Xuño de 2010

Fonte: http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=6622

Escoita en formato mp3:
Fragmento da charla de Mario Valdivieso recollida por Radiofusión

Información baseada na enviada por:
Ernesto Lopes Dias Nes
lodergz@gmail.com
15 de junho de 2010 23:41

___________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário