quinta-feira, 6 de maio de 2010

A mina de andalucita das Fragas do Eume, no punto de mira da Fiscalía Ambiental

[O Pico Vello, nas fragas do Eume]

Este xoves, membros de Adega, A. M. Augas Limpas, SGHN e Verdegaia, en representación dos 16 colectivos contrarios á instalación dunha mina a ceo aberto nas Fragas do Eume, trasladaron á Fiscalía as irregularidades observadas na tramitación do proxecto.

O fiscal acordou abrir dilixencias preprocesais para investigar o proceder da administración neste caso e pedirlle máis información. A tramitación da mina de andalucita é outro exemplo de proceder chafalleiro e desleixo da admnistración pola conservación do noso patrimonio natural: non se respectaron os prazos establecidos pola lexislación e o EIA presentaba escandalosas omisións, como non detallar os impactos da explotación mineira sobre o Parque Natural das Fragas do Eume.

A aprobación deste proxecto, suporía a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do Río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de Ferrol, A Capela e Neda. Afectaría tamén ao P. N. Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do Eume, o que suporía unha grave contaminación por lixiviados, escorreduras, etc. E a franxa de amortecemento (50 m) non é suficiente para librar o Parque Natural das afeccións causadas pola contaminación da mina.

O xacemento de andalucita, un mineral usado en siderurxia e na frabricación de cerámicas refractarias, está na veciñanza do Pico Vello (área de alto valor colindante e incomprensiblemente excluída do P.N. Fragas do Eume), constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico, algunhas catalogadas como vulnerábeis. Esta fraga está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura e o monte Fontardión constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e L.I.C. Xubia-Castro. O permiso para esta explotación, suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural, e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...)

Como actividades complementarias, as asociacións convocantes organizan os seguintes actos:

-13 de maio, 19h: Charla na Casa da Cultura da Capela. Intervirán expertos e investigadores para tratar dos valoras naturais da zona afectada e dos impactos da mina. Intervirán: Xabier Amigo, profesor de botánica da USC; Pero Galán, herpetólogo e profesor da UDC e Roberto Hermida, biólogo experto en morcegos.

-15 de maio: roteiro reivindicativo polo Pico Bello. Serán algo menos de 3 km sobre pistas e sendeiros, e o/ass participantes poderán coñecer a fraga de Pico Vello. Está confirmada a participación de varios expertos que informarán sobre os aspectos xeolóxicos do xacemento, as afeccións da entulleira sobre os ríos, a morfoloxía do Fontardión (no que nacen ata 6 ríos e regatos), a fauna e a flora da zona e aspectos etnográficos como o aproveitamento dos soutos, a xestión dor regadíos, o funcionamento dos muíños ... Pola tarde, visitaremos o Museo Etnográfico de A Capela.

Publicado en GZnación o 6 de Maio de 2010
_______________________

Enlace relacionado:

O Pico Vello: Roteiro pola conservación da Fraga d'O Pico Vello, na defensa do río Belelle e do Parque Natural das Fragas do Eume: Sábado 15 de Maio de 2010
________________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário