quinta-feira, 13 de maio de 2010

Unión Libertaria marcha a Pico Vello

Unión Libertaria participa no roteiro pola conservación da Fraga d’O Pico Vello

Unión Libertaria anima a toda a sociedade e simpatizantes a participar na marcha que varias entidades e colectivos veñen de convocar para o sábado 15 de maio pola zona de Pico Vello en Goente coa finalidade de chamar a atención sobre os serios problemas que carrexaría a instalación dunha mina de andalucita. O visto e prace para a instalación foi outorgado á empresa Picobello Andalucita polo goberno de Feijoó nunha nova manobra na que se poñen por diante intereses económicos e empresariais fronte aos estudos de conservación e impacto ambiental.

A retórica do capitalismo salvaxe e depredador pretende impoñerse unha vez máis fronte a quen defenden a conservación da natureza e a posibilidade doutro modelo político e económico que supere, dunha vez por todas, o modelo autodestrutivo do capitalismo globalizado responsable de tantas desfeitas e de tanto sufrimento nas guerras e conflitos que xera a instauración do egoísmo económico e do constante crecemento.

Unión libertaria participa nesta convocatoria para denunciar esta nova agresión na nosa comarca e pola defensa do espazo natural que comprende a zona de Pico Vello, as fragas do Eume e o río Belelle. Pero tamén como unha forma de loita que sirva para concienciar á sociedade sobre a imperiosa necesidade da superación do capitalismo nun momento no que, moribundo e en crise, trata de aferrarse máis que nunca aos seus propios principios destrutivos. Fronte a esta fuxida cara diante do capital, reclamamos a necesidade dunha sociedade nova, descapitalizada e verdadeiramente democrática, na que o pobo tome o control e a responsabilidade do seu destino e na que se aposte pola desindustrialización e o decrecemento para facer posible unha sociedade máis xusta e libre que viva en equilibrio coa natureza. Levamos un mundo novo nos nosos corazóns.

Máis info:

http://unionlibertaria.org
http://reganosademolizon.org
http://picovello.blogspot.com


Enviado por:
Unión Libertaria
-unionlibertaria@gmail.com-
13 de maio de 2010 12:05
____________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário