domingo, 16 de maio de 2010

Os colectivos pola Defensa da Fraga d'O Pico Vello, valoran como moi positivo o Roteiro deste Sábado 15 de Maio de 2010

ROTEIRO POLA DEFENSA DE PICO VELLO

Os colectivos pola defensa da FRAGA DE PICO VELLO valoran como un éxito o roteiro reinvindicativo que se realizou hoxe, tanto polo número de asistentes (120 en total), ós que agradecen a súa participación, como pola riqueza das intervencións dos distintos expertos informaron sobre divesrso temas

O obxectivo era dar a coñecer a importancia deste lugar de grande biodiversidade, cun altísimo valor natural e etnográfico e protestar pola pretendida instalación alí dunha mina por parte da empresa Picobello Andalucita S.L. Unha explotación con doce anos de vida útil, que suporía a destrución irreversible do lugar, e afectaría gravemente ó Río Belelle e ó P. N. Fragas do Eume.

Autorizar esta explotación, suporía a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do Río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de Ferrol, A Capela e Neda. Afectaría ó P. N. Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do Eume, o que suporía unha grave contaminación, por lixiviados, escorreduras, etc. E a franxa de amortecemento non é suficiente para librar o Parque Natural das afeccións causadas pola contaminación da mina.

O xacemento está na zona do Pico Vello (colindante e incomprensiblemente excluída do P.N. Fragas do Eume), constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico, algunhas catalogadas como vulnerables pola Directiva Hábitat. Esta fraga está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura e o monte Fontardión constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e L.I.C. Xubia-Castro. O permiso para esta explotación, suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural, e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...)

Antes de empezar o percorrido, de algo menos de tres quilómetros, Ernesto Lópes Días falou dos obxectivos do mesmo, da explotación mineira que se pretendía facer e dos efectos da escombreira sobre o río Gallel.

Logo subimos ata o Fontardión e alí Manolo Cortizas, grande coñecedor da zona, falounos da morfoloxía tan singular deste monte, onde nacen ata seis regatos.

Despois no límite da Fraga de Pico Vello, o xeólogo Francisco Canosa, da universidade de Salamanca, falou sobre a orixe da andalucita no coñecido como “plutón” do Forgoselo, sobre a súa presencia noutras zonas de Galicia e sobre as súas aplicacións na fabricación de materiais refractarios.

Máis adiante, Antonio Gómez Corral, falou sobre a riqueza florística destas fragas, en especial no referido a liques, felgos e fungos. Como exemplo mencionouse a presencia de hábitats considerados prioritarios na directiva hábitat e da presencia no Rego Cernadas dos felgos Dryopteris aemula e Hymenophyllun tunbrigensis.

Máis tarde, Secundino García, director do Museo Etnográfico da Capela, informou aos asistentes sobre os valores etnográficos e culturais destas fragas e sobre o seu aproveitamento sostible tradicional por parte dos habitantes da zona en varios eidos: o aproveitamento dos soutos, a xestión dos regadíos, o funcionamento dos muíños e a fabricación de carbón vexetal.

A continuación xantamos todos xuntos nunha carballeira e pola tarde visitamos o Museo Etnográfico da Capela.

As organizacións promotoras do roteiro veñen reclamando dende hai anos a inclusión da Serra do Forgoselo dentro do Parque Natural das Fragas do Eume. Así mesmo a inclusión da zona de Pico Vello (incomprensiblemente excluída do parque natural) xogaría un papel moi importante como “corredor ecolóxico”. Por isto instan á Xunta a rexeitar este proxecto de explotación, que suporía a destrución da fraga de Pico Vello e do Rego Cernadas, e afectaría gravemente ao parque natural e ao Río Belelle.



Enviado por:
FERNANDO RODRIGUEZ LAMELA
-frlamela@yahoo.es-
16 de maio de 2010 16:35

____________________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário