domingo, 16 de maio de 2010

Os colectivos pola Defensa da Fraga d'O Pico Vello, valoran como moi positivo o Roteiro deste Sábado 15 de Maio de 2010

ROTEIRO POLA DEFENSA DE PICO VELLO

Os colectivos pola defensa da FRAGA DE PICO VELLO valoran como un éxito o roteiro reinvindicativo que se realizou hoxe, tanto polo número de asistentes (120 en total), ós que agradecen a súa participación, como pola riqueza das intervencións dos distintos expertos informaron sobre divesrso temas

O obxectivo era dar a coñecer a importancia deste lugar de grande biodiversidade, cun altísimo valor natural e etnográfico e protestar pola pretendida instalación alí dunha mina por parte da empresa Picobello Andalucita S.L. Unha explotación con doce anos de vida útil, que suporía a destrución irreversible do lugar, e afectaría gravemente ó Río Belelle e ó P. N. Fragas do Eume.

Autorizar esta explotación, suporía a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do Río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de Ferrol, A Capela e Neda. Afectaría ó P. N. Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do Eume, o que suporía unha grave contaminación, por lixiviados, escorreduras, etc. E a franxa de amortecemento non é suficiente para librar o Parque Natural das afeccións causadas pola contaminación da mina.

O xacemento está na zona do Pico Vello (colindante e incomprensiblemente excluída do P.N. Fragas do Eume), constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico, algunhas catalogadas como vulnerables pola Directiva Hábitat. Esta fraga está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura e o monte Fontardión constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e L.I.C. Xubia-Castro. O permiso para esta explotación, suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural, e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...)

Antes de empezar o percorrido, de algo menos de tres quilómetros, Ernesto Lópes Días falou dos obxectivos do mesmo, da explotación mineira que se pretendía facer e dos efectos da escombreira sobre o río Gallel.

Logo subimos ata o Fontardión e alí Manolo Cortizas, grande coñecedor da zona, falounos da morfoloxía tan singular deste monte, onde nacen ata seis regatos.

Despois no límite da Fraga de Pico Vello, o xeólogo Francisco Canosa, da universidade de Salamanca, falou sobre a orixe da andalucita no coñecido como “plutón” do Forgoselo, sobre a súa presencia noutras zonas de Galicia e sobre as súas aplicacións na fabricación de materiais refractarios.

Máis adiante, Antonio Gómez Corral, falou sobre a riqueza florística destas fragas, en especial no referido a liques, felgos e fungos. Como exemplo mencionouse a presencia de hábitats considerados prioritarios na directiva hábitat e da presencia no Rego Cernadas dos felgos Dryopteris aemula e Hymenophyllun tunbrigensis.

Máis tarde, Secundino García, director do Museo Etnográfico da Capela, informou aos asistentes sobre os valores etnográficos e culturais destas fragas e sobre o seu aproveitamento sostible tradicional por parte dos habitantes da zona en varios eidos: o aproveitamento dos soutos, a xestión dos regadíos, o funcionamento dos muíños e a fabricación de carbón vexetal.

A continuación xantamos todos xuntos nunha carballeira e pola tarde visitamos o Museo Etnográfico da Capela.

As organizacións promotoras do roteiro veñen reclamando dende hai anos a inclusión da Serra do Forgoselo dentro do Parque Natural das Fragas do Eume. Así mesmo a inclusión da zona de Pico Vello (incomprensiblemente excluída do parque natural) xogaría un papel moi importante como “corredor ecolóxico”. Por isto instan á Xunta a rexeitar este proxecto de explotación, que suporía a destrución da fraga de Pico Vello e do Rego Cernadas, e afectaría gravemente ao parque natural e ao Río Belelle.



Enviado por:
FERNANDO RODRIGUEZ LAMELA
-frlamela@yahoo.es-
16 de maio de 2010 16:35

____________________________

O Roteiro contra o despropósito mineiro na Fraga d'O Pico Vello, todo un suceso en contidos e participación

O xornal comarcal Diario de Ferrol, fixo-se eco do suceso do Roteiro reinvindicativo e formativo pola Fraga d'O Pico Vello, no que se foi facendo paradas nas que os distintas persoas especialistas en xeoloxía, flora e fauna foron informando dos valores do espazo natural que pretenden destruír coa proxectada explotación mineira.

Pola importancia da noticia transcibrimos a mesma a continuación.

Máis dun cento de persoas participaron no roteiro de oposición á mina de andalucita

[ Na Foto de A. Marcal - Manolo Cortizas e os participantes, no alto do Fontardión]

Redacción - Ferrol - 16.05.2010

Máis dun cento de personas participaron onte nun roteiro reivindicativo pola zona de Pico Vello, en Goente. O percorrido serviu para descubrir os valores naturais da zona e rexeitar a posta en marcha dunha explotación no xacemento de andalucita que se atopa na mesma zona. Dezaséis entidades ecoloxistas, unidas na súa oposición a este proxecto, convocaron a marcha.

Un autobús cheo de xente saiu pola mañá desde Ferrol, aínda que moitos desplazáronse ata a zona no seus propios vehículos. A excursión percorreu uns tres kilómetros por pistas e sendeiros e varios expertos ilustraron ós participantes sobre os valores naturais desas paisaxes. Ernesto López Díaz foi o primeiro e encargouse de introducir a marcha falando do seu obxectivo reivindicativo e tamén formativo. Manolo Cortizas tomou o relevo para explicar a morfoloxía do monte Fontardión, no que teñen o seu nacemento seis regatos. Precisamente un dos principais argumentos dos ecoloxistas para rexeitar a explotación é a repercusión que tería sobre o río Belelle e o suministro de auga a Ferrol, A Capela e Neda. O xeólogo Fran Canosa tomou a palabra á baixada do monte, para explicar como se configurou a veta de andalucita e indicar que, pola súa forma vertical, a explotación terá que afondar moito e podería afectar ós acuíferos. Antonio Gómez Corral falou a continuación da valiosa flora da zona e, para rematar, Secundino García Mera compartiu cos presentes os seus coñecementos sobre a etnografía do lugar. A excursión, despois de comer, rematou cunha visita ó Museo de Etnografía da Capela, que o último “guía” do percorrido dirixe.

Como se lembrará, as entidades organizadoras do roteiro de onte veñen de presentar unha denuncia ante a Fiscalía por entender que existen irregularidades na tramitación da concesión da mina. Recentemente a Consellería de Medio Ambiente aprobou a declaración de impacto ambiental do proxecto, ó que lle resta ter o permiso de Industria para poñerse en marcha.

A empresa promotora, Picobello Andalucita, trata desde hai dez anos de por en marcha a explotación. En tempos do goberno de Manuel Fraga, a iniciativa recibiu un informe medioambiental negativo, o que a obrigou a refacer a proposta para alonxala das Fragas do Eume.

A andalucita é un mineral escaso -só hai catro minas activas no mundo-que soporta altas temperaturas e se emprega para a fabricación de altos fornos ou ladrillos refractarios.

A empresa, de capital británico e sudafricano, confía no novo impulso que, ao parecer, a Xunta quere darlle ao proxecto, mentres que os grupos ecoloxistas, por outra parte, estiman que os seus plans non poderán sair adiante.

Publicado en Diario de Ferrol

Nota. - Nos próximos día faremos unha reportaxen co material que vaian achegando diferentes persoas e organización.
_____________________

sexta-feira, 14 de maio de 2010

Foto da Charla n'A capela sobre a Fraga d'O Pico Vello - 13 de Maio de 2010

[Clicar acima da imaxe para ampliar]

Foto tirada do Facebook "NON á mina de andalucita nas Fragas do Eume", postada por Serxio Paz Roca

Lenda:
"Casa da Cultura da Capela hoxe ás 20 horas na charla informativa sobre o que acontecería no mundo se se construíse a mina de andalucita a 50 metros das Fragas do Eume".

Catro comentarios:

Lucía Dopico
A charla estivo moi ben, pena de non poder asistir Pedro, o cal sempre é un pracer escoitar. A xente ten que saber o que se perde ca mina, deberíase de organizar unha charla tamén nas Pontes, para abrirlles a mente a uns cantos.
sexta às 01:14·

Carlos Lopez
Foi moi instructiva, e espero que se repita nos outros concellos implicados, coma Fene, que é de onde son eu, pero hai que facer o que faga falla para que non nos fagan o que fixeron con Reganosa na ría de Ferrol.
sexta às 01:47·

Carlos Lopez
A parte o impacto supera o ámbito das fragas, sería unha desgracia para o río Belelle eoutros entornos, puto PP
sexta às 01:53·

Ayla Elenayla
estiveron moi ben, Xabier Amigo e un crack! falou da afeccion aos habitats prioritarios (q hai na zona!!) e Roberto o de Drosero tb explicou moi ben como afectaria aos morcegos abrir unha mina a ceo aberto nunha zona de paso e de comunicacion entre distintas poboacions. NON A MINA!!
sexta às 10:49·

Enlace de Referencia:

O Xoves 13 de Maio unhas charlas na Casa da Cultura d'A Capela, baixo o título: “A Fraga de Pico Vello - Un espazo a protexer”
____________________

Mapa do Roteiro pola Fraga d'O Pico Vello que realizaremos o Sábado 15 de Maio de 2010

Ola.

Achégote o roteiro previsto para o Sábado día 15 de maio, co gallo de reinvindicar a defensa da Fraga de Picovello, o río Belelle e o PN das Fragas do Eume.

Vai ser doado. Apto incluso para nenos-as de 5-6 anos (afeitos a camiñar un pouco, claro!)

Consta de 3 km con paradiñas informativas e xantar na fraga (se non chove)

Saúdos

antom

[Clicar acima da imaxe para ampliar o mapa]
E: 1/10000
Lonxitude: 2,800km
Dificultade: media –baixa
Duración: 1h.
Bus: Deixanos no inicio da ruta (o Gallel) e recóllenos en Goente (a 300m do final do roteiro)

Enviado por:
Xosé Antón Marcal Carracedo
trevincantom@gmail.com
14 de maio de 2010 13:54

_________________________

Bos días, o roteiro, segundo as persoas que o elaboraron, podería facelo un neno de cinco anos sen ningún problema. Son tres quilómetros e ademáis iremos facendo paradas, nas que as persoas encargadas (expertas en cada tema) que informarán sobre os aspectos xeolóxicos do xacemento, as afeccións da entulleira sobre os ríos, a morfoloxía do Fontardión (no que nacen ata 6 ríos e regatos), a fauna e a flora da zona e aspectos etnográficos como o aproveitamento dos soutos, a xestión dor regadíos, o funcionamento dos muíños...

Empezarémolo no río Gallel (alí pódese atopar sitio para aparcar) cando chegue o bus (sobre as once).

Despois do roteiro, xantaremos nunha carballeira (o que leve cada quen) e logo, pola tarde, visitaremos o Museo Etnográfico de A Capela.
...

Un saúdo.

Fernando.

Enviado por:
FERNANDO RODRIGUEZ LAMELA
-frlamela@yahoo.es-
14 de maio de 2010 13:10

___________________
_________________________

quinta-feira, 13 de maio de 2010

Unión Libertaria marcha a Pico Vello

Unión Libertaria participa no roteiro pola conservación da Fraga d’O Pico Vello

Unión Libertaria anima a toda a sociedade e simpatizantes a participar na marcha que varias entidades e colectivos veñen de convocar para o sábado 15 de maio pola zona de Pico Vello en Goente coa finalidade de chamar a atención sobre os serios problemas que carrexaría a instalación dunha mina de andalucita. O visto e prace para a instalación foi outorgado á empresa Picobello Andalucita polo goberno de Feijoó nunha nova manobra na que se poñen por diante intereses económicos e empresariais fronte aos estudos de conservación e impacto ambiental.

A retórica do capitalismo salvaxe e depredador pretende impoñerse unha vez máis fronte a quen defenden a conservación da natureza e a posibilidade doutro modelo político e económico que supere, dunha vez por todas, o modelo autodestrutivo do capitalismo globalizado responsable de tantas desfeitas e de tanto sufrimento nas guerras e conflitos que xera a instauración do egoísmo económico e do constante crecemento.

Unión libertaria participa nesta convocatoria para denunciar esta nova agresión na nosa comarca e pola defensa do espazo natural que comprende a zona de Pico Vello, as fragas do Eume e o río Belelle. Pero tamén como unha forma de loita que sirva para concienciar á sociedade sobre a imperiosa necesidade da superación do capitalismo nun momento no que, moribundo e en crise, trata de aferrarse máis que nunca aos seus propios principios destrutivos. Fronte a esta fuxida cara diante do capital, reclamamos a necesidade dunha sociedade nova, descapitalizada e verdadeiramente democrática, na que o pobo tome o control e a responsabilidade do seu destino e na que se aposte pola desindustrialización e o decrecemento para facer posible unha sociedade máis xusta e libre que viva en equilibrio coa natureza. Levamos un mundo novo nos nosos corazóns.

Máis info:

http://unionlibertaria.org
http://reganosademolizon.org
http://picovello.blogspot.com


Enviado por:
Unión Libertaria
-unionlibertaria@gmail.com-
13 de maio de 2010 12:05
____________________

quarta-feira, 12 de maio de 2010

Entrevista a Fernado Rodríguez Lamela, da SGHN, en Radio Fusión

Entrevista en Rádio Fusión a Fernado Rodríguez Lamela

Audio en formato mp3:

Almudena Marcos e Fernando Rodriguez Lamela, da SGHN, falan da protesta contra a explotación de andalucita na zona.

... O roteiro convocado para o vindeiro sábado terá carácter formativo, á vez que reivindicativo. Segundo explicou a Radiofusión Fernando Rodríguez Lamela, membro da Sociedade Galega de Historia Natural, o percorrido realizarase sobre pistas e sendeiros nos que "os participantes poderán coñecer a fraga de Pico Vello, os aspectos xeolóxicos do xacemento, as afeccións da entulleira sobre os ríos, a fauna e a flora da zona, así coma outros aspectos etnográficos". Ao remate, xa pola tarde, os participantes terán oportunidade de visitar o Museo Etnográfico da Capela.

Dende que se publicou no DOG, o pasado 11 de marzo, o Estudo de Impacto Ambiental do proxecto, as organizacións ecoloxistas que se opoñen á explotación do xacemento de andalucita nas Pontes non cesan no seu empeño de paralizalo. Primeiro denunciaron, perante a Fiscalía de Medio Ambiente, a aprobación do Estudo de Impacto Ambiental "por irregularidades no proceso de tramitación", para logo iniciar contactos cos distintos Concellos da bisbarra para recabar o apoio das Corporacións Locais. O obxectivo final é protexer a zona, conquerindo a declaración de Espazo Natural Protexido ou promovendo a súa inclusión no Parque Natural das Fragas do Eume
. ...

Fonte: radiofusion.eu
______________________

Ernesto Lopes, activista de ADEGA-Ferrol: "A Junta nom tem interesse por preservar o Pico Velho"

Reproducimos unha entrevista que lle fixo o novo xornal dixital Diario Liberdade ao noso compañeiro Nes
Ferrol, 11 Maio 2010

Diário Liberdade - Falamos com um dos activistas envolvidos na defesa do Pico Velho, umha área de valor ambiental e etnográfico ameaçada por um projecto mineiro.

Ernesto Lopes é secretário da Associaçom pola Defesa Ecológica da Galiza (ADEGA) em Ferrol, um dos 16 colectivos das comarcas de Trasancos, Eume e a Corunha que desenvolvem iniciativas contra o projecto de mina de andaluzita no Pico Velho, umha zona sensível das fragas do Eume e o rio Belelhe ameaçada por mais um projecto empresarial agressivo com o meio.

Diário Liberdade - Qual é o valor ecológico da área natural de Goente onde se pretende levar avante umha mina para a exploraçom de andaluzita?

Ernesto Lopes - O valor ambiental da zona é muito alto, pois lá nascem um afluente do Eume e o rego de Cernadas, a principal fonte do rio Belelhe. Embora haja umha parte ocupada por eucaliptos, a zona propriamente do jazigo é umha fraga e nela encontramos espécies botánicas e animais catalogadas como "vulneráveis" no catálogo galego de espécies ameaçadas. Nom esqueçamos que as fragas no norte do País estám em regressom.

DL - Os defensores do projecto dim que a zona fica fora o Parque Natural das Fragas do Eume e do L.I.C. Júvia-Castro.

Ernesto - A zona, por valores ambientais, devia fazer parte do Paque Natural; de facto, se ficou fora dele foi polas pressons das companhias mineiras interessadas em explorar este jazigo. Além do mais, o projecto apresentado em 2006 incluia 17 hectares dentro do Parque Natural; só depois de ser rejeitado pola Junta é que apresentárom um novo projecto que deixa fora do parque esta zona, mantendo umha distáncia de 50 metros. O rio Belelhe, na zona chamada Rego Cernadas, está proposto pola Junta como alargamento da Rede Natura. Ainda, esta zona é um corredor para a fauna e a flora entre estes dous espaços protegidos, a mina suporia a destruiçom deste corredor, fragmentando os habitats e dificuldando a sobrevivência de muitas das espécies que habitam nestes espaços.

DL - Que empresas e que interesses estám por trás do projecto? É realmente necessário empreender a extracçom de mineral nessa zona?

Ernesto - A empresa que solicita a exploraçom do jazigo chama-se "Picobello Andalucita SL" , é umha companhia de capital inglês e sul-africano constituída no ano 2000. Os colectivos ecologistas nom nos questionamos se é necessária ou nom a exploraçom da andaluzita em Pico Velho; eu suponho que terám milhares de toneladas polo mundo adiante em armazéns e fornos de fundiçom abandonados.

DL - Qual a atitude da Junta da Galiza no assunto?

Ernesto - A Junta de Galiza parece nom ter muito interesse em preservar os valores ambientais e etnográficos do Pico Velho, pois no passado dia 11 de Março a Direcçom Geral de Qualidade e Avaliaçom Ambiental dava o visto favorável ao estudo de impacto ambiental, que comete erros gravíssimos, como situar o Rego Cernadas na bacia do Eume, ou nom especificar o impacto da exploraçom no Parque Natural, que também é Lugar de Interesse Comunitário.

DL - Existe sensibilidade social com o problema ou volta a primar, como tantas vezes, a promessa da riqueza económica que trará a exploraçom mineira?

Ernesto - Como se passa sempre com as questons ambientais, a opiniom pública está dividida. Na zona de Goente e da Capela, há pessoas contrárias á mina e outras favoráveis, mas estas o que nom vem e que umha gestom adequada dos espaços protegidos daria mais postos de trabalho que qualquer mina. Nom falo só de agentes florestais, guias ou turismo, mas também de exploraçons agrícolas ou gadeiras compatíveis com estes espaços e que se sustentam em recursos que, se tratarmos deles, vam durar para sempre, enquanto a minaria é sempre umha actividade destruidora do meio e do futuro, e com umha durabilidade curta, neste caso 12 anos.

DL - E por parte das instituiçons locais afectadas?

Ernesto - Os concelhos afectados som, em primeiro lugar, o das Pontes, cujo presidente da cámara municipal já se manifestou favorável à mina; de facto a instituiçom é proprietária de 21 das 27 hectares da exploraçom. Lindeiro com o jazigo fica a Capela, cujo governo municipal é contrário à mina, da subministraçom de água tirano do rio Belelhe e apoiam as actividades que desenvolvemos os colectivos ecologistas. Depois estám os concelhos de Fene e Neda, afectados direitamente, porque por eles discorre o rio Belelhe, mas até agora desconheciam o projecto. Também estám Pontedeume, Cabanas e Monfero, que tenhem terreios dentro do Parque Natural. O presidente da cámara de Monfero já nos manifestou a sua oposiçom e com os outros ainda nom falamos.

DL - Que iniciativas fôrom já tomadas e quais tendes previsto desenvolver proximamente?

Ernesto - Até agora tivemos, como dixem, entrevistas com alguns presidentes das cámaras municipais atingidas, apresentamos denúncias na Fiscalia de Meio Ambiente e tivemos a semana passada umha reuniom com o fiscal, também vamos solicitar entrevistas com organismos da Junta, dirigir-nos ao organismo da CE gestor da Rede Natura e actividades de informaçom e reivindicaçom, como roteiros palestras ou quaisquer outras que as circunstáncias requeiram para garantir o futuro do rio Belelhe e das Fragas do Eume.

Fonte: diarioliberdade.org

Enviada por:
Ernesto Lopes Dias - Nes
-lodergz@gmail.com-
12 de maio de 2010 01:33
Boa noite, sou Nês. Mándovos o enlace da entrevista que me figérom para o jornal digital www.diarioliberdade.org. Para a semana que vem também vai sair em rádio cerna umha reportagem sobre o assunto. Rádio cerna é o espaço de ecologia e meio ambiente de ADEGA nas emisoras municipais, aquí na comarca de Ferrol colhese em Radio Fene no 107.7 da FM de segunda feira a sexta à umha do medio dia e dura des minutos.

___________________

domingo, 9 de maio de 2010

A Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos, modificada: BOE do 25 de Marzo deste ano 2010


A Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos

O 26 de Xaneiro de 2008, saía publicado no BOE a Lei de Avaliación de Impacto Ambiental, mediante o Real Decreto Lexislativo 1/2008, de 11 de Xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da citada Lei. Este texto ven refundir, adecuar as diferentes normativas estatais ao respecto e traspoñer e susanar deficiencias na aplicación de diferentes directivas europeas no corpo lexislativo, reunindo nun só texto toda a normativa sobre a Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos. Co texto refundido pretende-se clarificar e racionalizar o procedemento de avaliación de impacto ambiental de proxectos e regular o dereito e acceso á información e á participación cidadá na toma de decisións. Este afecta a materias como: Acuicultura, Agricultura, Autorizacións, Enerxía, Avaliación de impacto ambiental, Gandería, Industria agraria, Industria extractiva, Industria química, Industria siderúrxica, Obras, Políticas de medio ambiente, Procedemento administrativo e Sancións.

Posteriormente, hai poucos días, foi publicada unha modificación da Lei que foi publicada no BOE do 25 de Marzo deste ano 2010 que modifica os artigos: 2.2, 5, 6, 7, 9, 10.2, 12, 15, 16, disposicións adicional 1, finais 1 e 2 e engade o artigo 18 bis, disposicións adicional 6 e final 3 ao texto refundido aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2008, de 11 de Xaneiro. A Lei cita a DIRECTIVA 123/2006/CE, de 12 de Decembro, trata materias referentes á Administración Xeral do Estado, Autorizacións, Avaliación de impacto ambiental, Libre circulación de bens e servizos, Procedemento administrativo, ... e entrou en vigor o 26 de marzo de 2010.

Esta refundición limítase á avaliación de impacto ambiental de proxectos e non inclúe a avaliación ambiental de plans e programas regulada na Lei 9/2006, de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente. Na súa virtude, a proposta da Ministra de Medio Ambiente, de acordo co Consello de Estado e previa deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día 11 de xaneiro de 2008

Enlaces:

Texto Refundido
Real Decreto Lexislativo 1/2008, de 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos Publicado no BOE número 23 de 26/1/2008, páxinas 4986 a 5000 (15 páxs.) Referencia: BOE-A-2008-1405.

Modificacións
Lei 6/2010, de 24 de marzo, de modificación do texto refundido da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de proxectos, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2008, de 11 de xaneiro. BOE número 73 de 25/3/2010, páxinas 28590 a 28597 (8 páxs.) Referencia: BOE-A-2010-4908
__________________

DECRETO 442/1990, DO 13 DE SETEMBRO DE 1990, DE AVALIACIÓN DO IMPACTO AMBIENTAL PARA GALICIA - Xoves, 13 de Setembro do 1990 - CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA - DOG, Martes, 25 de Setembro do 1990, Nº 188

Acceder ou Baixar en formato -pdf-:DECRETO DE AVALIACIÓN DO IMPACTO AMBIENTAL PARA GALICIA (Galego) (doc. *.pdf de 117 KB)

Máis lexislación Ambiental -Enlaces-: Base de datos de Lexislación Ambiental da Xunta de Galicia
___________________________

sábado, 8 de maio de 2010

O Xoves 13 de Maio unhas charlas na Casa da Cultura d'A Capela, baixo o título: “A Fraga de Pico Vello - Un espazo a protexer”

[Para ammpliar clicar acima da imaxe]

CHARLAS NA CAPELA
A FRAGA DE PICO VELLO. UN ESPAZO A PROTEXER

As entidades Adega, A.M. Augas Limpas, Club Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra 21, Comité para a Defensa das Rías Altas, Drosera, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, G.N. Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, Néboa Medioambiente, O Rabo do Galo, Saramaganta, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia organizan o día 13 de maio unhas charlas na Casa da Cultura da Capela, baixo o título: “A Fraga de Pico Vello. Un espazo a protexer”.

No lugar de Pico Vello (Goente - As Pontes), de grande biodiversidade e incalculable valor natural e ecolóxico, a empresa de capital anglo-sudafricano Picobello Andalucita S.L. pretende a explotación a ceo aberto dun xacemento de andalucita.

A área do xacemento (colindante e incomprensiblemente excluída do P.N. Fragas do Eume), está constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con grande interese biolóxico.

Nesta fraga nace o Rego Cernadas (unha das fontes principais do Belelle), en cuxas beiras se aprecia a presenza do felgo macaronésico Dryopteris aemula, especie que figura como VULNERABLE no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA).

Tamén está contrastada a presenza, entre outras, das seguintes especies que figuran como VULNERABLES no CGEA: píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica); ra das veigas (Discoglossus galganoi); ra patilonga (Rana iberica); ra do monte (Rana temporaria); morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum); morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), etc.

Esta fraga xa está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura, e o Monte Fontardión constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e o LIC Xubia-Castro. O permiso para esta explotación suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural, e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...).

Queremos conseguir a declaración, para a zona, de Espazo Natural Protexido ou que esta se inclúa no Parque Natural das Fragas do Eume.

Intervirán para tratar dos valores naturais da zona afectada:
  • AVIER AMIGO. Especialista en Botánica da Universidade de Santiago de Compostela.
  • PEDRO GALÁN. Especialista en anfibios e réptiles da Universidade da Coruña.
  • ROBERTO HERMIDA. Especialista en morcegos de DROSERA.
As charlas serán o día 13 de maio, ás 19 horas na Casa da Cultura do Concello d'A Capela.
__________________________

quinta-feira, 6 de maio de 2010

A mina de andalucita das Fragas do Eume, no punto de mira da Fiscalía Ambiental

[O Pico Vello, nas fragas do Eume]

Este xoves, membros de Adega, A. M. Augas Limpas, SGHN e Verdegaia, en representación dos 16 colectivos contrarios á instalación dunha mina a ceo aberto nas Fragas do Eume, trasladaron á Fiscalía as irregularidades observadas na tramitación do proxecto.

O fiscal acordou abrir dilixencias preprocesais para investigar o proceder da administración neste caso e pedirlle máis información. A tramitación da mina de andalucita é outro exemplo de proceder chafalleiro e desleixo da admnistración pola conservación do noso patrimonio natural: non se respectaron os prazos establecidos pola lexislación e o EIA presentaba escandalosas omisións, como non detallar os impactos da explotación mineira sobre o Parque Natural das Fragas do Eume.

A aprobación deste proxecto, suporía a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do Río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de Ferrol, A Capela e Neda. Afectaría tamén ao P. N. Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do Eume, o que suporía unha grave contaminación por lixiviados, escorreduras, etc. E a franxa de amortecemento (50 m) non é suficiente para librar o Parque Natural das afeccións causadas pola contaminación da mina.

O xacemento de andalucita, un mineral usado en siderurxia e na frabricación de cerámicas refractarias, está na veciñanza do Pico Vello (área de alto valor colindante e incomprensiblemente excluída do P.N. Fragas do Eume), constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico, algunhas catalogadas como vulnerábeis. Esta fraga está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura e o monte Fontardión constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e L.I.C. Xubia-Castro. O permiso para esta explotación, suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural, e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...)

Como actividades complementarias, as asociacións convocantes organizan os seguintes actos:

-13 de maio, 19h: Charla na Casa da Cultura da Capela. Intervirán expertos e investigadores para tratar dos valoras naturais da zona afectada e dos impactos da mina. Intervirán: Xabier Amigo, profesor de botánica da USC; Pero Galán, herpetólogo e profesor da UDC e Roberto Hermida, biólogo experto en morcegos.

-15 de maio: roteiro reivindicativo polo Pico Bello. Serán algo menos de 3 km sobre pistas e sendeiros, e o/ass participantes poderán coñecer a fraga de Pico Vello. Está confirmada a participación de varios expertos que informarán sobre os aspectos xeolóxicos do xacemento, as afeccións da entulleira sobre os ríos, a morfoloxía do Fontardión (no que nacen ata 6 ríos e regatos), a fauna e a flora da zona e aspectos etnográficos como o aproveitamento dos soutos, a xestión dor regadíos, o funcionamento dos muíños ... Pola tarde, visitaremos o Museo Etnográfico de A Capela.

Publicado en GZnación o 6 de Maio de 2010
_______________________

Enlace relacionado:

O Pico Vello: Roteiro pola conservación da Fraga d'O Pico Vello, na defensa do río Belelle e do Parque Natural das Fragas do Eume: Sábado 15 de Maio de 2010
________________________

quarta-feira, 5 de maio de 2010

Roteiro pola conservación da Fraga d'O Pico Vello, na defensa do río Belelle e do Parque Natural das Fragas do Eume: Sábado 15 de Maio de 2010

[Unha aproximación ao proxecto da mina de andalucita da empresa Picobello,SL]

Roteiro polo Pico Vello pola conservación da Fraga d'O Pico Vello e na defensa do Belelle e do Parque Natural das Fragas do Eume.

As entidades Adega, A. M. Augas Limpas, Club Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra 21, Comité para a Defensa das Rías Altas, Drosera, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, G. N. Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, Néboa Medioambiente, O Rabo do Galo, Saramaganta, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia organizan, o día 15 de maio, un roteiro pola zona de Pico Vello en Goente (As Pontes).

O obxectivo é dar a coñecer a importancia deste lugar de grande biodiversidade, cun altísimo valor natural e etnográfico e protestar pola pretendida instalación alí dunha mina por parte da empresa Picobello S.L. Unha explotación con doce anos de vida útil, que suporía a destrución irreversible do lugar, e afectaría gravemente ó Río Belelle e ó P. N. Fragas do Eume.

Un proxecto inicial da explotación foi rexeitado no ano 2006 por Medio Ambiente por afectar ó P.N. da Fragas do Eume e en decembro dese mesmo ano a empresa presentou outro, fóra dos límites do espazo natural protexido, cunha franxa de amortecemento entre os límites do Parque Natural e a explotación de 50 metros.

A intervención dos colectivos ecoloxistas e a presentación de alegacións por numerosos colectivos e particulares durante o período de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental fixeron que o proxecto quedara paralizado e, segundo a Lei de ordenación da Minaría de Galicia, DENEGADO por silencio administrativo ó transcorrer máis de doce meses sen terse notificado resolución.

A publicación no DOG do pasado 11 de marzo por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da aprobación do Estudo de Impacto Ambiental do proxecto foi denunciada por irregularidades no proceso de tramitación diante da Fiscalía de Medio Ambiente, en base a varios puntos: non respectar os prazos establecidos pola lexislación, irregularidades no contido do informe como non valorar as repercusións negativas sobre o Río Belelle (o Rego Cernadas figura encadrado na cunca do Río Eume no E.I.A. cando é un dos dous regos máis importantes que forman a cabeceira do Belelle) ou non detallar os impactos que a explotación mineira provocaría sobre o P. N. Fragas do Eume, ó que están obrigados pola Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de Proxectos.

A aprobación deste proxecto, suporía a eliminación definitiva e irreversible dunha das fontes principais do Río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra a unha poboación importante dos concellos de Ferrol, A Capela e Neda. Afectaría ó P. N. Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do Eume, o que suporía unha grave contaminación, por lixiviados, escorreduras, etc. E a franxa de amortecemento non é suficiente para librar o Parque Natural das afeccións causadas pola contaminación da mina.

Sobre este proxecto, o Concello de A Capela, aprobou en pleno, unha moción na que pedía a paralización do mesmo. De levarse a cabo a explotación, deixaría practicamente inutilizada a estación de captación de auga que este concello construíu no río Belelle, a poucos metros augas abaixo da mina, coa perda das inversións correspondentes.

O xacemento está na zona do Pico Vello (colindante e incomprensiblemente excluída do P.N. Fragas do Eume), constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros, coa presenza de numerosas especies de fauna e flora con interese biolóxico, algunhas catalogadas como vulnerables pola Directiva Hábitat. Esta fraga está incluída na proposta de ampliación da Rede Natura e o monte Fontardión constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural do Eume e L.I.C. Xubia-Castro. O permiso para esta explotación, suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural, e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, ...)

O roteiro convocado para o día 15 de maio, será un roteiro formativo, de algo menos de 3 km de lonxitude, sobre pistas e sendeiros, no que os participantes poderán coñecer a fraga de Pico Vello. Está confirmada a participación no mesmo de varios expertos que informarán sobre os aspectos xeolóxicos do xacemento, as afeccións da entulleira sobre os ríos, a morfoloxía do Fontardión (no que nacen ata 6 ríos e regatos), a fauna e a flora da zona e aspectos etnográficos como o aproveitamento dos soutos, a xestión dor regadíos, o funcionamento dos muíños... Pola tarde, visitaremos o Museo Etnográfico d'A Capela.

Desde Ferrol, o traslado será en autobús. Sairá ás 10 da mañá desde a Praza de Galiza, diante do Edificio de Correos, con paradas en Caranza, Fene, Cabanas e As Neves. A hora de volta será ás 6 da tarde. Ten un prezo por persoa de 5 € e hai de prazo para apuntarse ata o día 12 de maio no local da SGHN, na Rúa Méndez Núñez, nº11. Teléfono 981-35-28-20.

_________________

Enlace para baixar o cartaz da convocatoria do Roteiro en formato PDF
______________________

sexta-feira, 30 de abril de 2010

Roteiro polo Pico Vello - Non á Mina de Andalucita - En defensa do Río Belelle e das Fragas do Eume : Sábado 15 de Maio de 2010

Nas Terras Ártabras, do noreste galego, na parroquia de Goente do Concello d'As Pontes, hai un lugar colindante coas Fragas do Eume, ao que se lle denomina O Pico Vello. Lugar de grande biodiversidade e un incalculábel valor natural e ecolóxico, onde nace, entre outras, unha das fontes do Río Belelle e hai un bosque de especies autóctonas entre outras riquezas naturais dun valor que non ten prezo. Neste lugar é onde unha empresa mineira de capital anglo-sudafricano co nome Picobello Andalucita SL, pretende a explotación, dun xacemento de andalucita que está no subsolo da zona.

A intención da empresa Picobello Andalucita,SL, de explotar o xacimento mineiro, ven de hai xa 10 anos. A empresa foi constituida o 28 de Decembro do 2000, cun capital social de 2.550.000 €, e con enderzo social na Coruña, na Rúa San Andrés, nº 56. De feito a empresa ten levado fai tempo varias toneladas de mostras para a súa análise. E solicitado axudas baseadas en proxectos empresariais alternativos nas comarcas mineiras, destas, foron concedidos case 2,5 millóns euros do Estado e 67.672 da Xunta. A intervención dos colectivos ecoloxistas cando o goberno bipartito, fixo que a Consellería do medio Ambiente paralisara o proxecto.

Un grupo de organizacións e colectivos unimo-nos, para a defensa do lugar d'O Pico Vello, das gadoupas da empresa mineira que pretende conseguir a autorización administrativa para explotar, a ceo aberto, o xacemento de andalucita que hai no subsolo. Serían 277.016 m2 a explotar no seu conxunto, extraendo a ritmo de explotación de 375.000 t/ano, perante uns 12 anos de vida útil da mina.

Queremos conseguir a declaración, para a zona, de Espazo Natural Protexido ou que esta se inclua no Parque Natural das Fragas do Eume. Parte da zona, pretendida pola explotación mineira, xa está incluída na Proposta de Ampliación da Rede Natura.

Mais o avanzado do proxecto de explotación mineira, por parte da empresa Picobello Andalucita,SL, coa complicidade da Xunta de Galicia e do Concello d'As Pontes, dono de 212.597,85 m2 do total da superficie estimada que se vai expropiar, o que supon case o 76,75 %. Pois xa está aprobada unha "Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de explotación da concesión mineira" [DOG xoves, 11 de marzo de 2010], o primeiro que temos que facer e intentar paralizar o proxecto e o atropelo que significa a citada concesión mineira.

A defensa cidadá d'O Pico Vello, espazo natural que hai que protexer, está en marcha. Ante todo organización, denuncias, alegacións, cartas, concienciación e mobilizacións.

Dentro da táctica elaborada as entidades e colectivos organizamos un Roteiro pola zona, convocado para o Sábado 15 de Maio. Desde Ferrol poñera-se un Autobús que sairá ás 10 da mañá desde a Praza de Galiza, diante do Edificio de Correos, con paradas en Caranza, Fene, Cabanas e As Neves, a hora aproximada da volta será ás 6 da tarde. O prezo por persoa para o Autobús será de 5 €. Para apuntar-se neste Autobús hai de prazo até o 12 de Maio no local da SGHN, na Rúa Méndez Núñez, nº11 ou Teléfono 981-35-28-20.

Fonte: CA21
_______

quarta-feira, 28 de abril de 2010

Salvemos O Pico Vello

Ante o avanzado proxecto de explotación mineira, por parte da empresa Picobello Andalucita,SL, a complicidade da Xunta de Galicia, tanto desde a Delegación Provincial, con Diego Calvo ao fronte, destacado membro do Partido Popular, e Justo de Benito Basanta, Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que aprobou a cuestionada "Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de explotación da concesión mineira", e o Concello d'As Pontes, rexido na actualidade por Valentín González Formoso do PSOE, co explícito apoio do anterior alcalde do BNG Vitor Guerreiro, un grupo de persoas sensibilizadas, membras de colectivos e organizacións ecoloxistas e sociais, ante o atropelo que significa a citada concesión mineira reuniron-se para abordar a defensa cidadá d'O Pico Vello, espazo natural que hai que protexer.

Nun principio os colectivos e organizacións que estabamos empeñadas en salvar O Pico Vello, eramos as que nos mobilizaramos en 2007: ADEGA, Colectivo Ártabra 21, Colectivo Fusquenlla, Clube Montaña Ferrol, Federación Ecoloxista Galega, Guerrilleiros d'As Fragas, Lapis Verdes, SGHN  e Verdegaia, co apopio do Concello d'A Capela. Agora xa somos máis, pois somaron-se: O Rabo do Galo, AMAL, Drosera, Hábitat, Saramaganta, Néboa Medio Ambiente e Comité pola Defensa das Rías Altas. E agardamos ser aínda máis. Algún veciño da zona puxo-se en contacto con nós "interesado en organizar mobilizacións e un movimento veciñal contra a mina". Unha amiga sensibilizada criou un Grupo na rede social Facebook, baixo o título "NON á mina de andalucita nas Fragas do Eume", quedando sorprendida do suceso que tivo, con máis de 13.248 membros. Tamén abríu un lugar para depositar firmas de disconformidade, onde xa asinaron máis de 1.525 persoas.

O primeiro encontro para unificar as actuacións na defensa d'O Pico Vello foi o pasado 24 de Marzo. A reunión tivo lugar nos locais do Museo da Sociedade Galega de Historia Natural en Ferrol, logo houbo outras reunións onde xa se foron perfilando as diferentes actuacións e ideias, para accionar contra o proxecto mineiro.

Van-se solicitar entrevistas cos concellos limítrofes. Segundo informou no seu día Fernando Rodríguez Lamela da SGHN, xa tivo que ser a entrevista con responsábeis do Concello de Monfero e o vindeiro 4 de Maio será co de Fene. O obxectivo sería o de informar-lles da situación, da nosa visión do espazo natural e das desastrosas consecuencias dunha explotación mineira no lugar, "pedir un pronunciamento do Concello sobre a explotación, así como suxerir a posibilidade de facer un documento conxunto" cos mesmos.

Presentaron-se denuncias á Fiscalía de Medio Ambiente e de non ter unha resposta en pouco tempo solicitaremos unha entrevista coa mesma. "Tamén acordamos solicitar entrevista coa Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e coa Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas".

Acordou-se redactar unha carta á Rede Natura que posibelmente se avaliará na vindeira reunión.

Informou-se aos medios de comunicación, así como houbo varios medios que se interesaron por conseguir unha información máis detallada como Radiofusión, a Cadena SER, o xornal La Opinión de A Coruña, El País, ...  Tamén chamou La Sexta que emiteu unha información favorecedora a quen nos opoñemos ao proxecto mineiro, calificando-o de "Atentado Ecolóxico". Non faltaron medios comarcais máis modestos, aínda que non menos importantes, como Rádio Filispim ou unha reportaxe nunha publicación da comarca do Eume, "Pegadas".

Acordou-se facer un Roteiro pola zona o Sábado 15 de Maio. Desde Ferrol poñera-se un Autobús que sairá ás 9:30 horas desde a Praza de Galiza, diante do Edificio de Correos, poñendo-se un prezo orientativo de 5 €. Para apuntar-se neste Autobús hai de prazo até o 12 de Maio no local da SGHN, na Rúa Méndez Núñez, nº11 ou Teléfono 981-35-28-20.



Acordou-se poñer faixas pola zona denunciando o proxecto mineiro, algunhas xa están colocadas en Ombre, A Capela e Goente: "NON A MINA QUE CONTAMINA", "AUGA PARA A VIDA E NON PARA A MINA", "NON Á MINA - D.E.P. EUME - D.E.P. BELELLE", "POLA DEFENSA DAS FRAGAS E DOS RIOS, NON Á MINA EN PICO VELLO"


Ten-se pensado facer actos con persoas especializadas en fauna, flora e cuestións medio ambientais, posibelmente o 7 de Maio, xa se poda facer a primeira n'A Capela. Ten-se pensado facer outras sobre os aspectos socioeconómicos: ocupación das vías de comunicación polos vehículos das minas, etc.

A nosa acción necesita un apoio económico que nun principio baseara-se nos contributos dos colectivos e organizacións que conformamos a vontade conxunta de Salvar O Pico Vello.

Acordou-se manter unhas reunións semanais, nun principio, todos os mércores, ás 7 da Tarde, nos locais do Museo da SGHN, a seguinte reunión será o Mércores 28 de Abril.


Colectivos e organizacións que conformamos a vontade conxunta de Salvar O Pico Vello:

ADEGA
adega@adega.info
http://www.adega.info/

AMAL
aguaslimpas@gmail.com
http://aguaslimpas.blogspot.com/

Clube Montaña Ferrol
clubmf@terra.es
http://www.clubmontanaferrol.com/

Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
http://artabra21.blogspot.com/

Colectivo Fusquenlla
fusquenlla@sospontedeume.com
http://sospontedeume.com/

Comité pola Defensa das Rías Altas

Drosera
drosera.lugo@gmail.com
http://blogdrosera.blogspot.com/

Federación Ecoloxista Galega
feg@federacionecoloxista.org
http://www.federacionecoloxista.org/

Guerrilleiros d'As Fragas
xeneta@hotmail.com

Hábitat
gnhabitat@yahoo.es
http://www.gnhabitat.org/

Lapis Verdes
lapisverdes@hotmail.com
Blogue Lapis Verdes

Néboa Medio Ambiente
medioambiente@neboa.org
http://neboamedioambiente.org

O Rabo do Galo
rabodogalo@yahoo.es

Saramaganta
http://saramaganta.blogspot.com/

SGHN:
sghnferrol@sghn.org
Web da Sociedade Galega de Historia Natural

Verdegaia
ferrol@verdegaia.org
http://www.verdegaia.org


Sitios d'O Pico Vello:

Enlaces d'O Pico Vello


Outros enlaces


Fonte: CA21
_____________________

domingo, 18 de abril de 2010

SOS Belelle



Despois das diversas alegacións presentadas ó proxecto de explotación de Andalucita no Pico Vello durante o ano 2007, parecía parado. Pero agora, tres anos despois, vense de dar publicidade no DOG á declaración de impacto ambiental na que entre outras lindezas se recoñece que "na área concreta de localización do proxecto prodúcese o necemento de dous regatos: o rego de Cernada e rego de Gallel, ambos os dous están incluídos na bacía do río Eume, aínda que tamén poden verse afectados os regos de Sisín, rego de Igrexa e regato de Teixido".

Dase a circunstancia de que o rego de Cernada é o nacemento do río Belelle e non un tributario do Eume. O río Belelle perdería, de levarse a cabo o proxecto, unha parte importante do seu caudal, que surte a unha parte da poboación de Ferrol.

Ademáis, as escorrentías e os resíduos vertidos con toda seguridade deixarían seriamente afectado a este fermoso río que tan ben se conserva.

Fonte: Galería de bocagei

http://www.flickr.com/photos/bocagei/4462704497/

http://www.flickr.com/photos/bocagei/4463482336/

Nota.- Recomendamos entrar nos enlaces da Galería onde hai interesantes comentarios.
____________________

sábado, 17 de abril de 2010

Relación de asuntos publicados no DOG e no BOE, referentes a intención de Picobello Andalucita S.L., de explotar un xacemento mineiro n'As Pontes

Relación de asuntos publicados no DOG e no BOE, referentes a intención de Picobello Andalucit S.L., empresa mineira de capital anglo-sudafricano, de explotar o xacemento mineiro, colindante coas Fragas do Eume, no lugar de Pico Vello da parroquia de Goente, no monte Fontardion, no Concello d'As Pontes. Unha explotación mineira do xacemento de andalucita que se atopa baixo a terra dun espazo natural de grande valor natural e ecolóxico.


No DOG - Diario Oficial de Galicia-

  • A Xunta de Galicia, acorda conceder axudas para a realización de proxectos de investigación a un número importante de empresas e outras entidades. A Picobello Andalucita, S.L. conceden-lle unha axuda de 67.672 € relacionada no anexo III da Resolución do 22 de Outubro de 2003 - DOG Nº210 do Mércores, 29 de Outubro de 2003, páxina 13.379-. Imaxinamos que esta axuda está relacionada co informe feito na Universidade de Santiago de Compostela.

    SOLICITANTE: PICOBELLO ANDALUCITA, S.L.
    - CÓDIGO: PGIDIT03DPI099E
    - TÍTULO: DESENVOLVEMENTO DE SISTEMA HIPERESPECTRAL PARA DISCRIMINACIÓN DE MATERIAIS EN LIÑA DE PROCESADO
    - DURACIÓN: 2
    - ANO 2003: 18.136,00
    - ANO 2004: 20.254,00
    - ANO 2005: 29.282,00
    - ANO 2006: 0,00
    - TOTAL CONCEDIDO: 67.672,00
    - PORC. SUBV.: 55
    - TOTAL PROXECTO: 123.000,00

    Referencia: Resolución do 22 de outubro de 2003 pola que se adxudican as axudas correspondentes ó Programa de Tecnoloxías de Deseño e Producción Industrial convocadas no anexo VII, da Orde do 29 de abril de 2002 (Diario Oficial de Galicia do 15 de maio) e na Orde do 28 de febreiro de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 13 de marzo).

    ANEXO III
    Aplicación orzamentaria: 08.05.432A.770.0
    Terceiro.-Concede-las axudas para a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento para empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro, ás que se relacionan no anexo III da presente resolución. As axudas sinalada cun 1 están financiadas con fondos adicionais do Programa FEDER-MAC incluídos no Plan de Dinamización de Galicia. As axudas sinaladas cun 2 están financiadas con fondos do Programa FEDER-MAC.
___________



No BOE -Boletín Oficial do Estado-

RESOLUCIÓN de 13 de Outubro de 2003, do Instituto para a Reestruturación da Minería do Carbón e Desenvolvemento Alternativo das Comarcas Mineiras, pola que se publica a relación de empresas que obtiveron subvención para os seus proxectos empresariais, de acordo coa convocatoria realizada o ano 2001. - Ministerio de Economía - Rango: Resolución - Publicado en: BOE número 275 de 17/11/2003, páxinas 40471 a 40473 (3 páxs.) - Referencia: BOE-A-2003-20970, pola que a se lle concederon a PICOBELLO ANDALUCITE, S.L. 2.475.000,00 € [Euros], dun total de 149.119.095,49 € [Euros], concedidos a 291 empresas, figurando os promotores de Picobello no nº 205 da relación e ocupando o sexto posto pola subvención concedida.
_____________________

Máis información:

Noticiario d'O Pico Vello: O publicado nos boletíns e diarios oficiais das administracións
___________________________

quinta-feira, 15 de abril de 2010

Entidades ecoloxistas denuncian irregularidades na tramitación da solicitude de dereitos mineiros na Mina de Andalucita de Goente

As entidades Agrupaçom de Montanha Águas Limpas [AMAL], Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza [ADEGA], Clube Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra 21, DROSERA, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, G.N.Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, O Rabo do Galo, Saramaganta, Sociedade Galega de Historia Natural [SGHN] e VERDEGAIA presentan unha denuncia diante da Fiscalía por atopar irregularidades no proceso de tramitación da solicitude de concesións mineiras na mina de andalucita nas Pontes de García Rodríguez, baseándose para elo en varios puntos:

1. Que non se respectaron os prazos establecidos pola lexislación para o outorgamento de licenzas. De terse respectado, teríase asumido a denegación, por silenzo administrativo, por parte do anterior goberno da Xunta, xa que a decisión da autorización deberíase ter tomado no prazo de doce meses. Pasado este tempo, e ao non terse notificado resolución, enténdese que a solicitude foi denegada.

2. Denuncian tamén á Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, polas irregularidades que se atopan no contido do seu informe de impacto ambiental, comezando polo feito de que non se fai valoración das repercusións negativas sobre o Río Belelle. Chégase ao extremo de encadrar o Rego Cernada, que xurde e atravesa a área na que se ubica o xacemento, na cunca do Río Eume. Como sexa que o Cernada é un dos dous regos máis importantes que forman a cabeceira do Río Belelle, pódese comprender o gravísimo erro no que se incurriu con esta omisión, pois as afeccións de maior alcance recaen sobre este rego, xa que literalmente desaparecería do mapa, levándose con el unha porcentaxe considerable de volume de auga do Río Belelle que está proposto, na súa integridade, para formar parte da Rede Natura.

3. No informe de avaliación ambiental non se detallan os impactos que a explotación mineira provocaría sobre o Parque Natural Fragas do Eume, ao que están obrigados pola Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de Proxectos: “A avaliación dos proxectos que, sen ter relación directa coa xestión do lugar de que se trate da Rede Natura 2000 ou sen ser necesario para a mesma, poida afectar de forma apreciable aos citados lugares xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans ou proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar tendo en conta os obxectivos de conservación de devandito lugar ...

Por todos estes motivos, entre outros, como afectar a Hábitats Prioritarios da UE, demandan a paralización definitiva da tramitación do proxecto e que se anule, por “contido imposible”, o informe de avaliación ambiental, emitido pola Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, pedindo que se tomen medidas contra os responsables das irregularidades cometidas.

Todas estas asociacións preparan un roteiro polas fragas ameazadas para o día 15 de maio, coa finalidade de expresar o seu desacordo con esta iniciativa. No momento darase información máis detallada.

Envido por:

SGHN-FERROL
-ferrol@sghn.org-
15 de abril de 2010 17:37

_____________________

Enlaces relacionados:

Blogue O Pico Vello
http://picovello.blogspot.com/

No facebook
NON á mina de andalucita nas Fragas do Eume
______________________

terça-feira, 30 de março de 2010

Colectivos sociais e organizacións ecoloxistas rexeitan a DIA outorgada pola Xunta de Galicia ao proxecto de explotación mineira


Os colectivos ADEGA, Club de Montaña Ferrol, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, O Rabo do Galo, Colectivo Ártabra 21, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia manifestan unha vez máis a súa absoluta oposición ao proxecto de mina de andalucita promovido pola empresa Picobello Andalucita S.L. no Concello das Pontes por supoñer a destrución do nacemento do Río Belelle e afectar gravemente ao Parque Natural das Fragas do Eume.

Tal e como xa manifestaran no ano 2007, as asociacións e colectivos citados enriba, rexeitan tanto o proxecto de explotación como a Declaración de Impacto Ambiental [1] publicada o 11 de marzo no Diario Oficial de Galicia por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental .

Consideran que dito documento non é de recibo, xa que está cheo de érros e incongruencias, e ademais sorprende que despois de ser rexeitado pola anterior Consellería de Medio Ambiente, agora se lle pretenda dar luz verde ao proxecto sen que sufrira modificacións significativas. Consideramos que se aplica aquí o principio do “rodillo” administrativo para favorecer os intereses privados dos promotores da explotación, pasando por riba da lexislación ambiental, tanto autonómica como estatal e comunitaria.

Os mesmos perigos ambientais seguen presentes no proxecto. Así, de levarse a cabo, suporía a destrución definitiva e irreversible do nacemento do Río Belelle. Neste senso, non se cumpren os requisitos que establece o Real Decreto 2857/78 que aproba o Regulamento Xeral para o Réxime da Minaría [2]. Este decreto, no artigo 3 dispón: “No podrán abrirse calicatas, efectuar sondeos ni hacerse labores…a menos de cien metros de alumbramientos, canales, acequias y abrevaderos o fuentes públicas”.

Este proxecto afectaría moi negativamente á cantidade e á calidade das augas bombeadas do río Belelle na estación de captación feita polo Concello d'A Capela, a moi pouca distancia augas abaixo da localización da citada mina, para abastecer de auga potable a todo o Concello d'A Capela e á parte alta dos concellos de Fene e Cabanas. Hai que lembrar que tamén os concellos de Neda e Ferrol se abastecen da agua procedente do Belelle. Segundo o artigo 60 da vixente lei de augas [3] o abastecemento de poboación ten preferencia sobre calquera outro uso, de aí o risco para as poboacións da posta en marcha da mina no citado emprazamento.

Por outra parte, a zona afectada é refuxio dunha flora e fauna de grande riqueza. Así, nas beiras do rego Cernadas, apréciase a presenza do felgo macaronésico Dryopteris aemula (especie que figura como VULNERABLE no Catálogo de Especies ameazadas de Galicia ), así como especies de liques do xénero Usnea, indicadores de boa saúde atmosférica.

Por outra banda, a zona de explotación sitúase xusto sobre unha fraga autóctona de máis de 25 hectáreas que tamén desaparecería, polo que resultan intolerables afirmacións do tipo “da análise ambiental non se desprenden afeccións a espazos naturais protexidos ou compoñentes significativos da biodiversidade”, cando é de todo punto sabido que as fragas representan en Galicia a grande reserva para a biodiversidade, así como que o seu número e extensión diminúen día tras día debido á expansión de cultivos forestais con especies alóctonas como o eucalipto. Ademais dita fraga está incluída na Proposta de Ampliación da Rede Natura, polo que mentres non se decida sobre dita ampliación este espazo debería permanecer libre de agresións.

Tamén resulta digno de ter en conta, dende o punto de vista da conservación, que o Monte Fontardión, a cuxo pé se atopa a zona que se pretende explotar, constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural das Fragas do Eume e o L.I.C. Xubia-Castro, condición que desaparecería de levarse a cabo a explotación.

Por outra banda, o espazo previsto como entulleira sitúase xusto sobre o rego Manciñeira, tributario do Eume, o cal supón un deterioro tamén da súa cabeceira e un perigo constante para a calidade das augas, tanto por emisións de pó e de lixiviados, como pola posibilidade de rotura das balsas de decantación. Asímesmo, o presunto espazo de amortecemento de 50 metros respecto aos límites do Parque Natural que aparece no E.I.A. resulta claramente insuficiente para frear as emisións de pó, de gases e de ruídos, que acabarían afectando sen dúbida ao espazo protexido, así como ás vivendas colindantes.

Asemade, as organizacións mencionadas consideran que esta declaración de impacto ambiental entra en conflito co establecido na Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos [4], que establece nos seus principios xerais, artigo 1º: “Declárase prioridade de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a conservación do patrimonio natural fluvial, que inclúe a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, así como o patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado”. Igualmente no artigo 2º establece: “Declárase, así mesmo, obriga das administracións públicas galegas garantir a súa protección, conservación e mellora”.

Semella que neste caso a administración autonómica ambiental está máis preocupada de garantir os intereses económicos dos promotores da mina que de atender ás súas obrigas legais de protección do medio ambiente.

Por último, as organizacións asinantes consideran que a apertura da citada mina suporía tamén a perda dunha contorna que atesoura non só grandes valores naturais, senón tamén culturais e antropolóxicos (muíños, rueiros, acueductos, soutos, regadíos, etc.)


__________

Notas.-

[1] Resolución do 9 de febreiro de 2010, do Departamento Territorial ... Xoves, 11 de marzo de 2010.VI. ANUNCIOS. Número do Dog: 48. Páxina do Dog: 3.284. Data da Disposición: ...
Tamén, completo, en formato -pdf- : Acceder ou Baixar

[2] Real Decreto 2857/1978, de 25 de agosto, polo que se aproba o regulamento xeral para o regimen da mineria - BOE número 295 de 11/12/1978, páxinas 27847 a 27856 (10 páxs.) ampliado con análise xurídica
Tamén, completo, en formato -pdf- : Acceder ou Baixar

[3]Real Decreto Lexislativo 1/2001, de 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido d Lei de Augas - BOE número 176 de 24/7/2001, páxinas 26791 a 26817 (27 páxs.) Ampliado con análise xuridica e última actulaización das modificacións publicadas o 23.12.2009

[4] Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos - DOG, Luns, 17 de Xullo do 2006, Nº 137, páx. 11410
Tamén, completo, en formato -pdf- : Acceder ou Baixar
_____________________

terça-feira, 16 de março de 2010

Colaboración entre a Universidade de Compostela e a firma Picobello Andalucita, S.L.

Polo Colectivo Fusquenlla
Pontedeume - 16.03.2010

Ao igual que sucedeu co algo artificial de Endesa n’As Pontes, Picobello Andalucita S.L. apóiase na USC para conseguir os permisos medioambientais

A empresa Picobello Andalucita, S.L. solicitou á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental un informe de impacto ambiental que avalase favorablemente a mina de andalucita que esta empresa quere abrir no concello d’As Pontes. Para conseguilo os responsables da firma de capital anglo-surafricano presentaron un estudo de impacto ambiental (EsIA) a medida dos intereses da empresa. Este informe foi aceptado pola propia consellaría de Economía e Industria e, en base aos datos nel recollidos, resolveu facer público o preceptivo Informe de Impacto Ambiental que permitirá á empresa conseguir a autorizaciòn definitiva para comezar a explotación da mina.

O informe que presentou a empresas foi elaborado polo Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela. O documento leva por título “Estudo de Avaliación Ambiental do área afectada pola mina de andalucita de Picobello e o seu entorno”. O profersor encargado de dito estudo foi Felipe Macias Vázquez e o custo fixado pola propia Universidade foi de 9.333,33 euros.

Hai que salientar que o proxecto de lago artificial que Endesa está a deseñar n’As Pontes tivo un proceso parecido ao da mina de andalucita. En ámbolos dous casos a Xunta de Galiza emitíu os informes favorables en base a estudos presentados polas propias empresas en lugar de elaborar informes independentes elaborados polos servizos técnicos da Xunta de Galiza. E tamén en ámbolos dous casos as empresas botaron man de cadanseu estudo realizado polo pofesor Felipe Macías Vázquez.

Para os que nunca entenderon a tan pregoada apertura da Universidade á empresa privada, teñen aquí o mellor expoñente de dita colaboración.

Fonte: http://sospontedeume.com

Nota.- Recomendamos entrar no sitio do Colectivo Fusquenlla, onde hai interesantes comentarios.
_______________________

sexta-feira, 12 de março de 2010

Unha agresión intolerábel: a mina de andalucita bota a andar


Polo Colectivo Fusquenlla

Pontedeume - 12.03.2010

Se alguén pensaba que en materia medioambiental a permisividade do goberno anterior xa era de por si nefasta, agora o goberno do Partido Popular demóstranos que as agresións ao territorio aínda poden acadar cotas máis elevadas de destrución.

A Xunta de Galiza acaba de aprobar a Declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión Sonsoles IV, 6156.1, concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido por Picobello Andalucita, S.L. Esta empresa de capital surafricano e británico ten a súa sede na Coruña.

Este proxecto do ano 2000 vai crear 33 empregos segundo o Instituto Galego de Promoción Económica e conta cunha subvención estatal de 6,3 millóns de euros, o 37 % do investimento total previsto. Unha cifra desorbitada que non pode ser xustificada pola crecaión de postos de traballo. No ano 2005 a Consellaría de Medio Ambiente, dirixida por Pachi Vázquez, rexeitou o estudo de impacto ambiental por afectar ao parque natural das Fragas do Eume. A empresa presentou unha modificación do proxecto no que aseguraba que o parque natural quedaba excluído da explotación, quedando esta a 50 metros das Fragas.

A superficie ocupada polo novo proxecto é de 277.016 m2 e a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viábel. A mesma Consellaría, nun trato de favor dificilmente xustificábel, deixa aberta a posibilidade de que a empresa solicite unha modificación das medidas impostas pola administración en caso de ser dificultosa a súa implantación: “O promotor poderá solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta Declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na explotación

No proxecto primeiro de Picobello Andalucita prevíase expropiar 150 hectáreas, unha superficie equivalente á marcada no plano. Visualizar o mapa ampliado

O permiso para dita explotación suporía a destrución duns inmensos valores ecolóxicos, paisaxísticos e etnográficos (fragas, regos, brañas, muíños, acueductos, rueiros, regadíos, …). No lugar nacen dous regatos: rego de Cernada e o rego de Gallel, ambos os dous están incluídos na bacía do río Eume, aínda que tamén poden verse afectados os regos de Sisín, rego da Igrexa e regato de Teixido. Sen esquecer ao río Belelle. Unha agresión a un enclave que debería, polas súas características, estar comprendido dentro dos límites do parque natural das Fragas do Eume e que nos demostra como o novo goberno da Xunta de Galiza está disposto a desandar o camiño que a sociedade civil galega trazou en defensa do territorio.

Este é o mapa da explotación (nunca mellor dito)

Páxina de Pico Vello

Fonte: http://sospontedeume.com

Nota.- Recomendamos entrar no sitio do Colectivo Fusquenlla, onde hai interesantes comentarios.
________________